Este xoves 7 de novembro de 2024, o Teatro Principal de Pontevedra acolleu unha dobre sesión da obra 'O dragón de ouro', presentada pola compañía ourensá Sarabela Teatro dentro do ciclo Ponteatro.
Pola mañá, o espectáculo foi ofrecido a estudantes de diversos centros educativos, mentres que pola noite, ás 21:00 horas, realizouse unha función para o público xeral, que asistiu en gran número para gozar desta impactante obra.
A trama de "O dragón de ouro", cunha duración de 70 minutos, desenvólvese nun edificio de varios pisos nalgún lugar de Europa.
A historia xira en torno a un mozo chinés que traballa na cociña do restaurante de comida rápida 'O Dragón de Ouro'.
Sen permiso de residencia nin recursos económicos, o mozo sofre unha intensa dor de moas, pero non pode acudir ao dentista.
Os seus compañeiros deciden axudalo extraendo a moa, pero o mozo morre desangrado na cociña.
Nun acto desesperado, os seus compañeiros envolven o seu corpo nun tapiz e arróxano ao río, que o leva de regreso a China, cumprindo o seu último soño.
Esta obra, escrita orixinalmente por Roland Schimmelpfenning e traducida por Catuxa López Pato, conta coa dirección e dramaturxia de Ángeles Cuña Bóveda.
O elenco está composto por Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu.
O ciclo Ponteatro concluirá o xoves 21 de novembro coa representación de 'Entrega en man' de Contraproducións, tamén no Teatro Principal de Pontevedra.