Aínda que a programación dadécimo séptima edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu, FICBUEU, xa é coñecida, este venres realizouse a súa presentación oficial contando cunha ampla representación do apoio institucional co que conta este consolidado certame cultural no municipio bueuense.
Así, na convocatoria estiveron presentes o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; o presidente da Deputación, Luis López; o deputado provincial de Cultura, Jorge Cubela; e a concelleira de Cultura en Bueu, Carmen García. Con eles, Manuel Pena, Nerea Lores e María Ruiz-Falcó como directores do Festival.
Na quenda de intervencións Sutil referíase á calidade da programación deseñada, a súa implantación e apoio social despois de dezaseis anos e o apoio da Xunta a este tipo de convocatorias: "dada a importancia que ten o ecosistema estratéxico de festivais de Galicia, a Xunta incrementou este ano en máis dun 30% o seu respaldo a estas actividades". Luis López tamén mencionaba ese mesmo criterio aplicado desde a entidade provincial. Pola súa banda a representante municipal, ademais de felicitar o traballo da organización, deixar constancia da resposta "do tecido asociativo da vila" tamén felicitou a decisión de excluír da sección competitiva aos filmes apoiados con diñeiro público de Israel.
O FICBUEU arrincará o venres 6 de setembro cun carácter social, tradicional e musical. A primeira parte corresponderá á proxección da curta 'Millonetis', metraxe realizada nos talleres da área Social da Asociación FICBUEU. A parte tradicional estará na elaboración dunha alfombra floral a cargo da Asociación Cunchas e Flores. E finalmente o apartado musical chegará cun concerto de Sr. Chinarro. Tanto a proxección como o concerto son actividades gratuítas que unicamente requiren retirar invitacións.
Durante esta presentación, o director Manuel Pena lembrou que nesta edición as Xornadas Cinematográficas están dedicadas a 'Cinema e política. Os films como reflexo do seu contexto histórico', nas que se analizará o impacto do cinema en diferentes momentos da historia e nas correntes políticas do momento. A edición prolongarase ata o 21 de setembro.