Representantes dos museos do Estado debaten no seminario 'Museos provinciais. Á procura dun relato común'

Pontevedra
21 de abril 2023

O Museo de Pontevedra acolleu este venres o seminario 'Museos provinciais. Á procura dun relato común' no que se falou sobre a vixencia destas institucións e o lugar que ocupan no sistema museístico galego e estatal, así como das implicacións da dimensión provincial como ámbito de actuación

Intervención de Luis Grau no seminario 'Museos Provinciais. Á procura dun relato común'
Intervención de Luis Grau no seminario 'Museos Provinciais. Á procura dun relato común' / Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra acolleu este venres o seminario 'Museos provinciais. Á procura dun relato común' no que se falou sobre a vixencia destas institucións e o lugar que ocupan no sistema museístico galego e estatal, así como das implicacións da dimensión provincial como ámbito de actuación, da función investigadora e da necesidade de non competir con outras tipoloxías de museos e de asesorar e servir a outros centros de rango local.

O responsable do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, anfitrión de moitas persoas representantes de museos de toda España, destacou que a institución pontevedresa "está a enfrontarse a un proceso do crecemento que obriga a repensar tamén o museo que queremos para o futuro e que coincide cos cambios globais que se producen en todos os museos".

A intervención de Luis Grau, responsable do Museo de León, foi a máis esperada da conferencia e nela cualificou os museos provinciais como "convidados extravagantes" porque "son antigos e están ben nutridos de fondos", polo que no panorama dos museos actuais constitúen "unha auténtica rareza".

Destacou que as provincias "foron un invento decimonónico que funcionou ata finais do franquismo con autonomía administrativa importante, pero que nestes momentos están superadas polo estado autonómico. Os museos provinciais pertencen a unha administración que non está de moda".

Grau tamén explicou que os museos teñen que asumir unha serie de retos de cara o futuro para redistribuír patrimonio ou asesorar, así como desenvolver máis a investigación, guiar museos locais e facilitar e orientar tarefas que, en moitos casos, "os pequenos non poden facer". Neste senso, incidiu que "sen investigación non existen os museos e son meras salas de exposicións. Hai que saír das salas de exposición para volver mellores".

No caso do Museo de Pontevedra, Grau sinalou que, a diferencia de outros do estado, cuxa maioría teñen orixe no século XIX, é bastante novo e ten como particularidade fundamental a pertenza a unha única administración, algo que permite "harmonizar a súa competencia territorial coa administración que o leva".

Tamén destacou a súa "traxectoria exemplar e ser, seguramente, un dos mellores museos provinciais de España".

Na xornada participaron o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey; o director do Museo de León, Luis Grau; representantes do Provincial de Lugo, o Provincial de Ourense, da asociación Amigos dos Museos de Galicia, do Museo de Cádiz, do ICOM España, do Museo Arqueolóxico e Etnolóxico de Granada, do Museo de Teruel, do Museo Nacional del Prado, e do Museo Nacional e Centro de Investigación de Altamira.