Representantes da Deputación e o Museo de Pontevedra trasladaranse a Polonia para participar na cerimonia de restitución dos cadros do Ecce Homo e a Dolorosa espoliados polos nazis localizados na institución provincial.
A viaxe foi organizada polo Goberno polaco, a través do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, en agradecemento pola celeridade e boa disposición pontevedresa na devolución do díptico de Bouts, realizada sen ningunha contraprestación económica e só como feito de "xustiza histórica".
Na delegación pontevedresa participará o vicepresidente da Deputación e responsable político do Museo César Mosquera, o director do Museo José Manuel Rey, a deputada de Memoria Histórica María Ortega e o deputado de Economía Carlos López Font. Foi convidado a asistir tamén o grupo provincial do Partido Popular, quen declinou participar.
A comitiva chegará a Poznan na noite de mañá e o xoves ten preparada xa unha intensa axenda institucional. Realizarase, entre outros actos, unha recepción no Museo Nacional de Poznan (entidade á que están asociadas as pezas restituídas), cunha reunión co director Tomasz Lecki, así como coa especialista xefe do Departamento de Cooperación Internacional Katarzyna Tomczynska, e o especialista xefe do Departamento de Restitución de Bens Culturais, Mariusz Wisnieswski.
Este museo estableceuse en 1857 como o 'Museo de Antigüidades Polacas e Eslavas'. Durante a Segunda Guerra Mundial o edificio foi danado, a colección saqueada, mentres que numerosas exhibicións, incluídas as coleccións naturais e etnográficas, foron destruídas. Despois da guerra, o goberno polaco recuperou unha parte das obras incautadas pola Alemania nazi, mais a día de hoxe continúa os traballos para a localización e devolución de boa parte das pezas, consideradas perdidas.
O venres será a cerimonia de traslados dos cadros restituídos a Polonia polo Museo de Pontevedra no castelo de Goluchow, de onde foran roubados na II Guerra Mundial e actualmente propiedade do Goberno polaco, onde o díptico será exposto definitivamente ao público. Este castelo vén de ser recentemente reformado, de feito, co obxecto de mellorar a súa calidade expositiva.
Tomarán a palabra no evento o ministro de Cultura e Patrimonio Nacional Piort Glinski, o embaixador español Ramiro Fernández, o director xeral de Patrimonio Cultural español Isaac Sastre, así como o director do Museo Nacional de Poznan Tomasz Lecki, e o vicepresidente César Mosquera e o director do Museo de Pontevedra pola parte da Deputación. A presentación das obras será realizada polo especialista Mariusz Wisniewski.