Golpe de efecto do Big Sound Festival. A súa primeira edición en Pontevedra ofrecerá un dos concertos máis esperados polos amantes da música urbana.
Rels B, o artista español máis escoitado en 2024, será un dos cabezas de cartel do festival, que se celebrará no parque de Tafisa os días 11 e 12 de xullo de 2025.
O artista balear súmase a unha oferta musical na que xa estaban o portorriqueño Nicky Jam, Amaia, Tanxugueiras, Abraham Mateo, Omar Montes, coñecido pola súa capacidade de fusionar reguetón e flamenco; ou Juan Magán, o referente da música electrolatina.
O Big Sound Festival tamén contará con La Zowi, icona do trap español; con Julieta, unha das promesas emerxentes do pop urbano; ou con Caly y el Dandee, Depol, Marc Seguí, María Escarmiento ou a rapeira Ptazeta.
Rels B, segundo destaca a organización do festival, é todo un fenómeno internacional.
Os seus temas, entre eles A mí, Lejos de ti e Mejor no nos vemos, acumulan millóns de reproducións en plataformas dixitais, mentres que o seu recente éxito La vida sin ti alcanzou o disco de ouro apenas catro semanas despois do seu lanzamento.
Ao longo da súa carreira traballou con artistas como Duki, Nicki Nicole e Nathy Peluso, consolidándose así como un dos grandes referentes da música urbana global.
As entradas para o Big Sound Festival xa están á venda, nestes momentos desde os 56 euros. O custo aumentará, advirte a organización, a partir do próximo domingo 15 de decembro.