Reinstalada a Batea de Leiro no río Lérez

Pontevedra
18 de maio 2021

A escultura 'Saavedra zona de descanso' do artista cambadés Francisco Leiro quedará completamente instalada, ao longo deste martes, no punto do río do que se desprendera durante o inverno. Cambiouse a madeira da plataforma, ademais de aumentar o número de pezas que a manteñen ancorada e o grosor da cadea que a suxeita

Operativo para reinstalar a Batea de Francisco Leiro no Lérez
Operativo para reinstalar a Batea de Francisco Leiro no Lérez / Mónica Patxot

Durante a xornada deste martes está a desenvolverse na Illa do Cobo (Illa das Esculturas) a reinstalación da obra 'Saavedra zona de descanso', do artista cambadés Francisco Leiro. Este traballo escultórico fora retirado do río Lérez debido a que as crecidas do leito provocaron que quedara á deriva durante este inverno. 

Con motivo desta situación, a obra permaneceu ancorada nun lateral do parque á espera de que o bo tempo permitise a súa retirada e a súa reparación. Hai quince días iniciáronse estes traballos coa reforma para evitar próximos danos.

Segundo informan desde a concellería de Urbanismo e Patrimonio Histórico, substituíuse a madeira da instalación e cambiáronse as pezas, cun maior número, que conforman o morto para manter a obra á boia. Pasouse de dúas pezas a catro cun peso de 2.000 quilos cada unha. Tamén se modificou a cadea que suxeita a escultura ao morto incrementándose o seu grosor.

Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico, achegábase ata a zona para comprobar a evolución dos traballos, que finalizarán ao longo do día. A coñecida popularmente como Batea de Leiro conta cun peso de oito toneladas. Por este motivo, foi necesario utilizar un guindastre de grandes dimensións desde terra e unha barca coa colaboración de mergulladores na zona do río.