Regresan as actividades presenciais ao Espazo +60 de Afundación en Pontevedra

Pontevedra
15 de outubro 2020

Espazo +60 oferta unha serie de actividades para maiores de 60 anos como idiomas, música tradicional, ximnasia, pilates, debuxo, baile, teatro, ioga, infomática, relaxación ou estimulación da memoria, entre moitas outras. Afundación informa da implantación de medidas de seguridade axeitadas para o regreso á actividade presencial con todas as garantías

"Fálame da emigración" actividade desenvolvida dentro do Espazo +60 de Afundación
"Fálame da emigración" actividade desenvolvida dentro do Espazo +60 de Afundación / Afundación

Afundación, a Obra Social de ABANCA, comeza a partir deste xoves 15 de outubro as actividades e servizos do seu programa Espazo +60 en Pontevedra, nas instalacións do antigo Café Moderno na praza de San Xosé.

Espazo +60 oferta unha serie de actividades para maiores de 60 anos como idiomas, música tradicional, ximnasia, pilates, debuxo, baile, teatro, ioga, infomática, relaxación ou estimulación da memoria, entre moitas outras. Pódense consultar na web de Afundación Espazo +60

Neste regreso á actividade presencial no Espazo +60 dunha forma segura, Afundación informa da implantación dunha serie de medidas: reduciuse o número de participantes por actividade e aula; reorganizáronse os horarios e as zonas de entrada e saída dos centros; a ventilación frecuente estará garantida en todos os espazos e aulas entre unha actividade e outra; suprímese temporalmente a realización de actividades que supoñan compartir materiais, así como o servizo de prensa e revistas en formato papel e os xogos de mesa; e será obrigatorio manter en todo momento a distancia de seguridade recomendada.

Ademais, prohíbese a entrada a aquelas persoas que presenten síntomas compatibles coa COVID-19, a quen tivese contacto cunha persoa contaxiada nos últimos 14 días e ás persoas que viaxasen a zonas de risco nas últimas dúas semanas.

Por razón da situación sanitaria, Afundación decidiu pechar os Espazos +60 o pasado mes de marzo, pero a súa actividade nunca se detivo, xa que a integrantes da área de envellecemento activo continuaron traballando a distancia. Durante o confinamento puxeron en marcha medidas de acompañamento telemático ás persoas socias, e no período de desescalada realizaron un traballo de redeseño e adaptación da súa actividade habitual ás novas circunstancias sanitarias, contando para iso coas opinións dos seus usuarios.

Así, mediante unha enquisa, puideron coñecer a predisposición dos seus socios e socias a participar en actividades de tipo presencial e online para adecuar a oferta ás súas preferencias. A maioría, un 83% das persoas entrevistadas, mostrouse disposta a continuar coas actividades presenciais.

A pesar de tratarse dun perfil de usuario maioritariamente dixitalizado (o 80% das persoas da mostra conectáronse a Internet todas as semanas ou diariamente no último mes), o 86% das persoas enquisadas prefire actividades totalmente presenciais ou combinadas con algún contido puntual de forma online.

Os resultados deste estudo son para Afundación unha mostra clara da importancia dos Espazos +60 como espazo de convivencia e  favorecedor das relacións sociais, á vez que minimiza os impactos que o illamento provoca na saúde física, psicolóxica, mental e emocional das persoas maiores.