Regresa Titirivedra con "folgos renovados" para "facerse un oco" na tradición dos monicreques en Galicia

Pontevedra
10 de xullo 2024

Este verán chegan do 15 de xullo ao 21 de xullo e levarán á Alameda sete espectáculos, un diario ás 19.00 horas. O ciclo está pensado para o público familiar e cita en Pontevedra sete compañías de monicreques, cinco galegas, unha portuguesa e unha a medio camiño. Pecha a programación 'Titiricircus', de Tanxarina

Adianto de Titirivedra con Demetrio Gómez e Miguel Borines e Andrés Giráldez, de Tanxarina
Adianto de Titirivedra con Demetrio Gómez e Miguel Borines e Andrés Giráldez, de Tanxarina / Mónica Patxot

Volve Titirivedra e, para a súa segunda edición, chega "con folgos renovados". Así o aseguraron este mércores o concelleiro de Festas de Pontevedra, Demetrio Gómez, e Miguel Borines e Andrés Giráldez, da histórica compañía de teatro de títeres galega Tanxarina.

Os tres presentaron a programación deste ano deste ciclo infantil de títeres que forma parte do programa das Festas de Verán 2024 lembrando o "éxito" da primeira edición.

Este verán chegan do 15 de xullo ao 21 de xullo e levarán á Alameda sete espectáculos, un diario ás 19.00 horas.

Este ciclo está pensado para o público familiar e cita en Pontevedra sete compañías de monicreques, cinco galegas, unha portuguesa e unha a medio camiño entre os dous países, pois naceu en Portugal e agora está asentada en Galicia. 

Bebe da arraigada tradición do teatro de títeres en Galicia e aspira, en palabras de Demetrio Gómez, a "facerse un oco" como referencia galega dos monicreques. 

Este ano, os sete espectáculos programados farán "repaso por toda a historia dos clásicos da literatura" e, como mostra, este mércores presentaron a obra que vai pechar o ciclo, 'Titiricircus', de Tanxarina. 

Esta proposta de Tanxarina é, en si mesma, unha referencia. Andrés Giráldez e Miguel Borines fixeron este mércores un pequeno adianto durante a presentación e explicaron que 'Titiricircus' é unha proposta que leva 40 anos percorrendo o mundo e "mestura o teatro actoral cos monicreques"

Trátase do primeiro espectáculo do repertorio de Tanxarina e estivo de xira en catro décadas por América, África e Europa, con moitas paradas en Portugal e Galicia.

Con máis de 1.500 representación, é "o espectáculo teatro máis representando de toda a historia de Galicia" e deulle moitas satisfacción no transcurso dos anos. 

Durante as súas xiras polo mundo, puideron percibir que este espectáculo "é xogo, é diversión, é fantasía e, ao mesmo tempo, chega dentro" tanto ás persoas que o representan como a público, cunha historia que supón un recordo ensoñador e festivo do gran circo de carpa alta e bicolor. Ao escenario soben dous vellos traballadores daquel circo que lembran agora con marionetas de fíos as glorias do seu pasado na pista.

O programa completo é

Luns 15As mil e uma noites, de Caricata Teatro

Martes 16O galo Quirico, de Monicreques Seisdedos

Mércores 17Novos lobos, de Fantoches Baj

Xoves 18: Raio The Loubicán, de Monicreques Mircromina

Venres 19A pita xefa, de Monicreques Alakrán

Sábado 20Polichinela titor de Pierrot, de Danthea Teatro

Domingo 21Titiricircus, de Tanxarina