Reflexión sobre feminismo no Museo: Quen realizou as pinturas rupestres? Homes ou mulleres?

Pontevedra
31 de marzo 2023

As investigadoras universitarias Lourdes Méndez, Lourdes Prado, Concha Lomba e Fátima Braña trataron nun seminario desenvolvido no Museo de Pontevedra as fórmulas para loitar contra a reprodución de estereotipos nas institucións museísticas

Seminario 'Museos, feminismos, canon' no Edificio Castelao
Seminario 'Museos, feminismos, canon' no Edificio Castelao / Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo desenvolveu un seminario titulado 'Museos, feminismos, canon' coa participación das catedráticas Lourdes Méndez Pérez, da Universidade do País Vasco; Lourdes Prados Torreira, da Universidade Autónoma de Madrid; e Concha Lomba Serrano, da Universidade de Zaragoza.

As relatoras trataron as fórmulas para cambiar o discurso e os espazos dos museos co obxectivo de que se convertan en institucións inclusivas e igualitarias.

Lourdes Méndez, na súa intervención, mantivo que os museos asumen un sistema de clasificación e xerarquización que non é neutro. A catedrática de Antropoloxía da arte afirmou que se deberían revisar de maneira crítica eses sistemas e deseñar unha política cultural feminista. Cualificou de "anecdóticas" as accións que se realizan para abordar o feminino.

Pola súa banda, a catedrática de Arqueoloxía, Lourdes Prados Torreira, reflexionaba sobre a invisibilidade das mulleres nos museos e destacou que colectivos como a rede Past Women traballan para que o discurso represente ás mulleres como individuos activos na construción cultural do pasado no ámbito arqueolóxico. Preguntábase, por exemplo, quen realizou as pinturas rupestres criticando que durante anos se dera por suposto que foron homes e non mulleres.

Concha Lomba Serrano, catedrática de Historia da arte, repasou os principais proxectos de investigación e expositivos para descubrir e introducir ás mulleres artistas no discurso dos museos, chegando ata os proxectos que se realizan na actualidade.

A xornada finalizaba cunha mesa de debate coa participación das tres conferenciantes moderadas por Fátima Braña, profesora de Antropoloxía da Universidade de Vigo.