Redrum Teatro reflexiona en Vilagarcía sobre a pederastia a partir do conto de "Hamelín"

O Salnés
01 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

A compañía Redrum é a encargada de poñer en escena o texto dramático co que o autor obtivo o Premio Nacional de Teatro 2005 e o Premio Max en 2006. O texto versiona o conto popular do mesmo título para abordar a temática da pederastia dun xeito sutil e cheo de verdade

"Hamelín", de Redrum Teatro
"Hamelín", de Redrum Teatro / Redrum Teatro

O escenario do Auditorio Municipal vístese de gala o sábado, 6 de abril, para acoller a representación da obra coa que Juan Mayorga, Premio Princesa de Asturias en 2022, obtivo en 2005 o Premio Nacional de Teatro e o Premio Max en 2006. Trátase de "Hamelín", unha versión áspera do conto popular coa que o autor aborda a temática da pederastia dun xeito moi sutil, pero cheo de verdade. 

A compañía Redrum Teatro é encargada da posta en escena que se poderá presenciar a partir das 20.00 horas.

O "Hamelín" de Mayorga é un drama para público adulto de 90 minutos de duración. Neste texto, o autor afronta o tema da pederastia cunha linguaxe que evita o soez, e con escenas cheas de elipses, onde as cousas quedan aludidas, onde o espectador debe poñer da súa parte para interpretar, para imaxinar, para encher silencios que encerran grandes verdades. Mayorga busca un espectador activo, que imaxine máis aló do que se mostra en escena.

A montaxe de Redrum conta cioa dirección de Álex Sampayo e un elenco composto por Machi Salgado, Guillermo Carbajo, Laura Míguez, César Goldi, Fran Lareu, Rubén Porto e Mónica García.

O espectáculo forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, polo que a entrada conta co habitual prezo reducido a 5 euros.