Recollidas 30.000 sinaturas para demandar unha canle Xabarín Club 24 horas

Pontevedra
31 de marzo 2021

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística situáronse este mércores na Praza de Ourense de Pontevedra cunha mesa informativa e de recollida de sinaturas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á programación infantil e xuvenil a través dunha canle Xabarín Club as 24 horas

Mesa de recollida de sinaturas na Praza de Ourense, Pontevedra
Mesa de recollida de sinaturas na Praza de Ourense, Pontevedra / Isabel Feijóo

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) situáronse este mércores na Praza de Ourense en Pontevedra, cunha mesa informativa e de recollida de sinaturas para a iniciativa popular de crear unha canle pública en galego para a cativada.

O obxetivo da campaña é que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á programación infantil e xuvenil a través dunha canle Xabarín Club as 24 horas. Con isto preténdese que se retome o labor que fixo nos seus tempos o Xabarín Club impulsando o galego entre os máis cativos da casa.

Sabela Bará, profesora de lingua galega e representante da MNL, lamentou este mércores que o galego sexa a única lingua oficial do Estado español que non conta cunha canle de emisión continudada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é que só o 4,6% da programación infantil semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana, segundo a Mesa pola Normalización lingüística.

Esta campaña comezou a súa andada hai un ano e está a punto de rematar, recollendo estes días as últimas sinaturas para a súa posterior presentación no Parlamento de Galicia. Segundo Bará, a iniciativa está tendo moita acollida e levan ata o momento sobre 30.000 sinaturas recollidas para reclamar unha canle Xabarín Club que emita continuadamente en galego e coa súa App, todos os días do ano, contidos actuais, anteriores de éxito, atractivos e de interese para a infancia e a mocidade galega.

Ademais, a iniciativa reclama, entre outras peticións, ao Goberno español que RTVEemita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego na programación de Clan, a canle específica da RTVE para público infantil e xuvenil.

Segundo a Mesa da Normalización Lingüística aínda segue aberto o prazo para poder asinar, e pódese facer nos establecementos e asociacións que colaboran coa campaña (pódense consultar aquí), ou contactando coa entidade a través do seu correo electrónico: xabarintv@amesa.gal, ou no teléfono de contacto: 981 563 885