Reclama por burofax a devolución dos cadros do Museo procedentes do espolio nazi aos seus propietarios orixinais

Pontevedra
29 de decembro 2021

O Ecce Homo e a Dolorosa creados polo pintor flamenco Dieric Bouts no século XV saíron de Cracovia nos anos 40 para evitar que acabasen o mans dos nazis e acabaron en Pontevedra. Polonia reclamou a principios de mes a súa devolución e agora son os herdeiros da familia Czartoryski os que esixen a súa recuperación

Cadros de Dieric Bouts expoliados polos nazis en Polonia
Cadros de Dieric Bouts expoliados polos nazis en Polonia / PontevedraViva

O destino das dúas obras aparecidas nos arquivos do Museo de Pontevedra procedentes dun espolio da Alemaña nazi está aínda pendente de resolver. Polonia reclamara a súa devolución ao Ministerio de Cultura, pero esta semana herdeiros dos propietarios orixinais, a familia Czartoryski, enviaron un burofax ao Museo para solicitar a súa devolución ao considerarse os lexítimos propietarios das mesmas.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explicou este martes que o Museo seguirá coa súa folla de roteiro previsto: expoñer as obras unha última vez antes de facer efectiva a súa devolución ao Estado polaco para que se encargue logo de litigar cos demandantes sobre a propiedade das obras. Con todo, matiza que a última palabra teraa o Ministerio de Cultura.

Esta reclamación chegou ao Museo poucos días despois de que a existencia entre os seus fondos destas dúas obras, un Ecce Homo e unha Dolorosa pintadas polo pintor flamenco Dieric Bouts no século XV, saíse á luz pública a través dos medios de comunicación.

Dous bufetes de avogados de Londres e Madrid, que representan á familia Czartoryski, fixeron chegar senllos burofax solicitanlo a devolución das pezas alegando que non forman parte da relación de cadros cedidos ao pobo polaco e que, por tanto, seguen sendo da súa propiedade.

Aínda que o desenlace non está para nada claro, Mosquera xustificou a postura da Deputación de devolver os dous cadros a Polonia amparándose nun convenio internacional que regula que as obras de arte expoliadas durante conflitos bélicos deben regresar aos seus países de orixe. 

A polémica historia destas dúas pezas pertencentes á colección da familia Czartoryski comezou despois da invasión alemá en Polonia no 1939. O herdeiro destas pezas e a súa esposa, a princesa María das Dores de Borbón-Dúas Sicilias e Orleáns, trataron de salvar as obras máis destacadas. Ocultáronas nos sotos do museo de Cracovia e detrás dos muros dunha das súas propiedades. Pero mentres trataban de fuxir do país foron arrestados e os nazis descubriron os seus agochos. 

Ambas as pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973. A través dunha chamada desde o Ministerio de Cultura polaco, a finais do pasado mes de marzo, os responsables do Museo de Pontevedra comprobaron que dous destas obras formaban parte dos seus fondos. Estaban custodiadas nos seus almacéns.

Os cadros eran da colección de José Fernández López que, ao parecer, adquiriunos en galerías especializadas de Barcelona ou Madrid a mediados dos 70. Tras anos en depósito no museo pontevedrés, os seus responsables compraron toda a colección -unhas 313 pezas de arte- en 1994 por uns 600 millóns de pesetas.