Recital 'A outra Patria' na UNED para conmemorar o Día das Letras Galegas

Pontevedra
15 de maio 2024

O xoves 16 de maio ás 20.00 horas no centro universitario pontevedrés, situado en Monte Porreiro, o poeta galego-venezolano Simón Rodríguez, residente en Lugo, ofrecerá o recital, que se completa co "Punto de Interese" en que se realiza unha aproximación á figura artística da escritora Luisa Villalta. Tamén permanece aberta unha exposición de parte da bibliografía en galego da autora  

Centro Asociado da UNED en Pontevedra
Centro Asociado da UNED en Pontevedra / Mónica Patxot

O xoves 16 de maio ás 20.00 horas, o centro universitario da UNED en Monte Porreiro será o espazo en que o poeta galego-venezolano Simón Rodríguez, residente en Lugo e gañador do Premio de Poesía O Facho 2023, ofrecerá un recital poético titulado 'A outra Patria'.

Será unha das actividades que se desenvolvan con motivo do Día das Letras Galegas, que este ano se dedica á escritora Luisa Villalta. Con esta proposta, a UNED de Pontevedra quere invitar á reflexión sobre a lingua galega e sobre a migración como fenómeno socio-cultural en Galicia. Tamén busca potenciar o fenómeno dos neofalantes e xerar unha espazo de integración intercultural.

Durante estes días permanece aberto un "Punto de Interese" dentro do centro educativo. Neste espazo realízase unha aproximación á figura artística da autora Luisa Villalta e, ademais, manténse unha mostra de parte da bibliografía en galego coa que conta o fondo da biblioteca.

Esta exposición aberta conta coa axuda para a procura de bibliografía en caso de necesidade que achega o persoal do Centro a través de Pedro Manuel García Álvarez, Irene Montserrat Blanco Boullosa e José María Rodiño Barcia. 

Con esta iniciativa tamén se quere dar visibilidade á biblioteca na comunidade universitaria e publicitar parte da colección que non figura no catálogo da UNED.