A Real Academia Galega homenaxea a Nélida Piñon

Cerdedo-Cotobade
30 de outubro 2024

A RAG celebrou este martes un acto en lembranza dunha das grandes autoras das letras brasileiras, cunha obra na que as súas raíces en Cotobade son un dos sinais de identidade esenciais.

A Real Academia Galega celebrou unha homenaxe a Nélida Piñon
A Real Academia Galega celebrou unha homenaxe a Nélida Piñon / RAG

"Nélida [Piñon] mantivo até o último minuto o amor pola vida e a amizade. Non quería marchar, pero despediuse dunha forma moi digna. No hospital conversamos máis sobre o posible outro mundo que da vida aquí, sempre foi unha muller que reverenciou os seus mortos. Amaba Galicia e emocióname moito falar dela aquí", contou Karla da Silva.

A compañeira de Nélida Piñon abriu a xornada de homenaxe que a Real Academia Galega celebrou este martes na Fundación Barrié en lembranza dunha das grandes autoras das letras brasileiras contemporáneas, cunha obra na que as súas raíces en Cotobade son un dos sinais de identidade esenciais.

"En Nélida Piñon a escritura vence á morte", salientou a académica Marilar Aleixandre, coordinadora do encontro.

Karla da Silva sinalou que "foi a súa nai quen espertou en Nélida esa vontade de ser unha gran narradora" e Antonio Maura, estudoso da súa obra, destacou que "A república dos sonhos é un deses romances épicos que marcan unha identidade do Brasil, un libro fundamental non só na obra de Nélida senón no panorama literario e no imaxinario brasileiro".

Pola súa banda, o xornalista Alfonso Armada, dixo que "as súas columnas estaban moi ben traballadas e amosaban enfoques moi orixinais, fuxía da actualidade e ía un paso máis alá".

O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, compartiu o recordo da súa nai de quen se convertería na autora da "gran novela da emigración": "Nélida Piñon era unha nena con capacidade económica por riba das outras, pero convivía con elas na aldea de Borela e participaba nas cerimonias propias daquela Galicia rural. Ese mundo foi en parte a herdanza que levou Nélida Piñon de regreso ás Américas".