Raxó, escenario principal da programación do Día das Letras Galegas en Poio

Poio
08 de maio 2018

Poio organizou un completo programa de actividades para honrar a memoria de María Victoria Moreno, a escritora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que, segundo o goberno municipal, contribuíu de xeito notable ao enriquecemento da lingua galega

Escena da obra "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos", de Matrioshka Teatro
Escena da obra "Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos", de Matrioshka Teatro / Xunta de Galicia

Poio organizou un completo programa de actividades para honrar a memoria de María Victoria Moreno, a escritora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que, segundo o goberno municipal, contribuíu de xeito notable ao enriquecemento da lingua galega.

Teatro, deporte e contacontos serán os eixos sobre os que se celebrará esta efeméride en Poio, comezando o día 12 de maio coa representación da obra Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, a homenaxe a María Victoria Moreno que leva a escena a compañía Matrioshka Teatro. Será no centro cultural Xaime Illa de Raxó ás 21.00 horas.

A biblioteca municipal será un escenario clave, xa que entre o 14 e o 18 de maio celebrará a Semana das Letras Galegas, con múltiples actividades ao redor da autora, entre eles un contacontos -día 15, 17.30 horas- sobre Os contos da festa no faiado

Non faltará a actividade física porque, o mesmo 17 de maio, o peirao de Raxó acollerá unha carreira popular pola lingua que, este ano, inclúe a novidade de incorporar unha carreira para maiores de 18 anos. Ao redor, haberá diversas propostas para poñer en valor a lingua galega.

Xa pola tarde, ás 17.30 horas, Rafael Quintía ofrecerá a conferencia O mundo da mitoloxía na literatura galega oral no centro cultura Xaime Illa e, a continuación, entregaranse os premios aos gañadores da XXV edición do concurso literario Xaime Illa Couto. A xornada rematará coa actuación musical de Tino Baz.

A programación do Día das Letras Galegas en Poio rematará o sábado 19 de maio, ás 21.00 horas, coa representación da obra Chumbalagatas da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra no centro cultural Xaime Illa Couto. É unha obra incluída no ciclo PoioEscena 2018.