Rale Micic inaugura a nova tempada de Jazz no Principal

Pontevedra
06 de marzo 2016

A segunda cita do ciclo musical, o sábado 12 de marzo, tratará de saldar unha débeda con Raynald Colom, que estivera no cartel do primeiro Pontejazz (agora Jazz no Principal) en 2004, pero tivera que suspender a súa actuación debido a que coincidiu cos atentados de Atocha. As entradas teñen un prezo de 5 euros e un prezo reducido de 3 euros para estudantes, parados e xubilados

Concerto do guitarrista serbio Rale Micic en 'Jazz no Principal'
Concerto do guitarrista serbio Rale Micic en 'Jazz no Principal' / Diego Torrado

O guitarrista de orixe serbia Rale Micic inaugurou este sábado a primeira de dúas noites de Jazz no Principal organizadas pola Concellería de Cultura e o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra este mes de marzo, que este ano chegan xa á súa edición duodécima.

Fíxoo acompañado de Abe Rábade (piano), Paco Charlín (contrabaixo) e Max Gómez (batería) nun concerto que o público cualificou de "espectacular" e que xa deixou ao afeccionados a este estilo musical na cidade con sede da segunda entrega, que chegará o vindeiro sábado, 12 de marzo. 

Durante a actuación tamén subiron ao escenario do Teatro Principal os alumnos do Seminario Permanente de Jazz Eloi Pascual (batería) e Afonso Traficante (vibráfono) nalgúns temas. Acompañaron ao cuarteto principal para interpretar unha seleción de pezas orixinais dos últimos traballos discográficos de Rale Micic, entre os que estiveron composicións como Song for Alma, Sunrise, A Sto si Se Jan, Hotel Insomnia ou Blue.

Rale Micic, guitarrista de orixe serbia, é a día de hoxe un dos máis reputados guitarristas de Nova York. Habitual do quinteto do lexendario Tom Harrel e dun dueto estable xunto ao tamén guitarrista Peter Berstein, adoita ao mesmo tempo explorar a interación entre as súas raíces culturais nos Balcáns e o seu amplo coñecemento do jazz máis tradicional.

A segunda cita do ciclo musical, o sábado 12 de marzo, tratará de saldar unha débeda con Raynald Colom, que estivera no cartel do primeiro Pontejazz (agora Jazz no Principal) en 2004, pero tivera que suspendera a súa actuación debido a que coincidiu cos atentados de Atocha.

As entradas teñen un prezo de 5 euros e un prezo reducido de 3 euros para estudantes, parados e xubilados.