O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou este venres no Museo de Pontevedra a exposición 'Berta Cáccamo.Correspondencias de arquivo', xunto coa directora do Museo, Ángeles Tilve Jar, o comisario da mostra, Juan de Nieves, e o irmán da artista, Xosé María Álvarez Cáccamo. Esta mostra recupera a obra da artista viguesa e pon en conexión cos cadernos, fotografías, debuxos e obxectos do seu arquivo, que vai ser doado en próximas datas pola súa familia ao Museo. A exposición estará aberta no Edificio Castelao ata o 9 de xuño.
Rafa Domínguez destacou na inauguración que "este proxecto pon de relevancia o papel do Museo de Pontevedra como institución cultural de referencia, non só nesta provincia, senón a nivel galego e español".
Subliñou que esta non é só unha exposición, "porque implica, ademais de exhibir a obra de Berta Cáccamo, incorporar o seu arquivo aos fondos do Museo para catalogalo, conservalo e poñelo a disposición de investigadores e cidadanía". Tamén afondou en que "para o Museo de Pontevedra resulta un proxecto exemplar porque une dúas das súas facetas máis importantes: promover o recoñecemento público da nosa arte e os nosos artistas a través das exposicións temporais e conservar e difundir a nosa memoria colectiva a través do arquivo".
Pola súa parte, a directora do Museo, Ángeles Tilve Jar, louvou a figura de Berta Cáccamo, "unha creadora excepcional, unha investigadora da pintura que, nas últimas décadas do século pasado e as primeiras deste, traballou un pouco a contracorrente, explorando os camiños da abstracción e consolidando unha traxectoria sólida que, por desgraza, se truncou demasiado cedo". Tamén resaltou o traballo colectivo que impulsou este proxecto de exposición e doazón de arquivo: "o que asoma detrás de cada lenzo, dos debuxos e das vitrinas cheas de cadernos, fotos e obxectos, é un esforzo común porque a obra de Berta non se perda no esquecemento". E agradeceu especialmente á familia Álvarez Cáccamo a súa xenerosidade.
A exposición 'Berta Cáccamo. Correspondencias de arquivo' aborda unha perspectiva inédita ou pouco explorada ata hoxe: a importancia do arquivo de Berta Cáccamo, entendido desde unha visión complexa e expandida, e as súas conexións directas coa súa pintura e coa súa obra en papel ao longo de toda a súa traxectoria artística. A exposición forma parte dun obxectivo máis ambicioso de preservar a memoria da que foi profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. O arquivo da pintora, agora xestionado polo Legado, pasará ao Museo de Pontevedra co fin de que o conserve, ordene e difunda publicamente.
Parte desta documentación que se entregará formalmente ao Museo en próximas datas está agora presente na exposición, para que o público poida contemplar as conexións entre os diferentes rexistros presentes no arquivo de Berta Cáccamo e a súa obra pictórica. Nas 15 vitrinas instaladas móstranse 30 cadernos, diarios e libros de artista; fotografías de obras, persoais e de viaxes, e 26 obxectos atopados e levemente manipulados que axudan a entender o seu universo estético.
Con eses rexistros do arquivo dialogan as arredor de 40 pinturas e máis de 30 debuxos que se exhiben na mostra. Foron creados nas diferentes cidades nas que viviu Cáccamo ao longo dos 33 anos de traxectoria que cobre a exposición, desde mediados dos 80 ata 2018: Vigo, Barcelona, París e Roma. Xunto a un amplo conxunto de obras pertencentes ao Legado Berta Cáccamo, atópase obra cedida para esta exposición polo Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e as coleccións La Caixa, Banco de España, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e Afundación.
RECITAL E SEMINARIO
A exposición complétase cunha programación paralela con dous fitos importantes en maio e xuño. O 3 de maio, Xosé María Álvarez Cáccamo realizará unha lectura pública do seu poema Berta, unha composición longa que en 2019 publicou a editorial Chan da Pólvora e que será presentada e comentada polo comisario, Juan de Nieves.
Xa o 7 de xuño, o Museo reunirá aos directores e xefes de coleccións dalgúns dos principais centros de arte en España nun seminario para reflexionar sobre o papel dos arquivos de artistas como ferramentas de investigacións nos museos. Aquí estarán, entre outros, Manuel Segade, director do Reina Sofía; Beatriz Herráez, directora de Artium; Javier Hontoria; director de Museo Patio Herreriano; e Eduard Vallès, xefe de coleccións do Museu Nacional d’Art de Catalunya.