RADIO.- Un Cara a cara con Mónica Camaño e con sorpresa

Pontevedra
14 de setembro 2017

A Mónica Camaño espéralle un ilusionante comezo de tempada. Tras a estrea na súa Cangas natal de "Nadas libres", este outono percorrerá varios escenarios con esta obra de Cándido Pazó. Ademais espéralle o Festival Internacional de Teatro de Carballo onde será recoñecida pola profesión e nomeada "xograresa". Comparte un Cara a cara en PontevedraViva Radio tras a súa participación no FICBueu. Un programa con grata sorpresa para a invitada

Mónica Camaño e Marisa Ciordia
Mónica Camaño e Marisa Ciordia / PontevedraViva

"Megalópole" é a curta co que a actriz Mónica Camaño estivo a participar na presente edición do FICBueu. Unha experiencia compartida con alumnos do centro Juan XXIII que lle resultou "marabillosa, divertida e moi humana". Unha fórmula que adoptou o Festival de Curtas de Bueu coa que se consegue achegar a cultura a colectivos con algunha discapacidade, a nenos, a maiores, a persoas enfermas... ao pobo.

E aí comézase a desatar esta muller lembrando o papel das misións pedagóxicas, doutras mulleres como Maruja Mallo, dos currais de comedias, de investimento público en cultura, de espazos escénicos adecuados, de cachés, de compañías de teatro, da realidade que subxace tras unhas optimistas estatísticas. Con coñecemento de causa, ideas claras e argumentos evidentes.

Teatro Nu, o proxecto que comparte con Zé Paredes cumprirá en 2018 un década, pero de momento está en "stand by". Tras o éxito nos escenarios de "As do peixe", Mónica Camaño repite esta tempada con outra obra de Cándido Pazó: "Nacidas libres". Representación que se estreou en xuño, inaugurando a Mostra de Teatro do seu Cangas natal. E en outubro espéralle o FIOT de Carballo onde será nomeada 'xograresa'.

Cangas, a orixe da Mónica actriz en Ancoradouro. Neste Cara a cara de PontevedraViva Radio esperáballe unha sorpresa - moi grata como ela cualificou -.

Unhas horas antes, visitaba este estudo a que foi durante anos o outro cincuenta por cento de Ancoradouro: Pili Rial. Outra canguesa, residente desde hai 22 anos en Holanda e que non dubidou en prestarse para este agradable momento.