RADIO.- Sara Suárez: da Biblioteca de Ponte Caldelas á Feira do Libro de Madrid

Pontevedra
09 de maio 2019

Sara Suárez é de Ponte Caldelas. Estuda terceiro curso de Medicina en Santiago. Ademais acaba de publicar o seu primeiro libro, 'Entropía'. A invitada deste Cara a cara en PontevedraViva Radio estará en xuño na Feira do Libro de Madrid

Sara Suárez, autora de 'Entropía' no Cara a cara
Sara Suárez, autora de 'Entropía' no Cara a cara / Mónica Patxot

Sara Suárez como R.M. Drake, escribía desde tempranísima idade.

Sara Suárez como R.M. Drake, publicaba os seus poemas no seu feed de Instagram.

'Beautiful Chaos' foi o primeiro libro de R.M. Drake e 'Entropía' que "ven a ser un caos, como este libro", é a primeira publicación de Sara Suárez.

Con todo, preguntas a Sara Suárez por R.M. Drake e responde: "Drake? me soa de seguilo no Instituto" e fala de Elvira Sastre como icona e inspiración.

Quen sabe se esas concomitancias fixeron que diversas editoriais estivesen interesadas en publicar o seu primeiro proxecto literario. Olé Libros levouse o gato á auga, e levará a Sara Suárez o 10 xuño á Feira do Libro de Madrid.

Certo é que tamén hai diverxencias entre ambos:

Sara Suárez é de Ponte Caldelas, R.M. Drake de Miami.

Sara Suárez ten 1.389 seguidores en Instagram, R.M. Drake ten 1'9 millóns de seguidores. A Sara Suárez aínda non a segue nin lle fixo un 'repost' da súa conta ningunha das Kardashian; a  R.M. Drake si e iso valeulle alá por 2014 que comezasen a dispararse de forma incontrolable os seus seguidores.

Sara Suárez estuda Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. R.M. Drake estudou Comunicación Dixital en Florida.

Sara Suárez tivo unha 'Pepito Grilo' chamada Ana que lle recomendaba infinidade de libros na Biblioteca de Ponte Caldelas. R.M. Drake, non a tivo. Por certo, alí na Biblioteca presentará 'Entropía' o 27 de maio ás 20.30 horas.

E Sara Suárez é a invitada de PontevedraViva Radio para o Cara a cara. R.M. Drake aínda non.