RADIO.- Raquel Graña: "Énchesenos a boca falando de erótica pero realmente non temos idea de en que consiste"

Pontevedra
02 de xullo 2020

Para que un adolescente pregunte no seu ámbito familiar sobre sexo con naturalidade ten que xerarse unha confianza a idades máis temperás. É un dos hándicaps cos que se atopa a sexóloga e psicóloga pontevedresa Raquel Graña que acaba de publicar 'Sex on'. Charlamos con ela en PontevedraViva Radio

Raquel Graña é sexóloga, psicóloga e coach educativa
Raquel Graña é sexóloga, psicóloga e coach educativa /

Raquel Graña é sexóloga, psicóloga e coach educativa, formación que leva a talleres afectivo sexuais en centros educativos de Galicia. Ademais é youtuber de éxito: na súa canle Íntimas Conexións conta con máis de 600.000 seguidores. Acaba de publicar 'Sex On' unha guía de educación sexual para adolescentes

No Cara a cara que mantemos con esta galega - residente en Burela, pero natural de Bueu -, descubrimos situacións cando menos sorprendentes a pé de 2020. Por exemplo, que os adolescentes non teñen no seu contexto familiar a fonte de información adecuada, ou mesmo a propia información sexual que demandan. "Aínda hai vergoña para falar destes temas ou non saben como facelo porque non crearon unha confianza suficiente cando están Primaria, para falar cando son adolescentes", explica.

Neste podcast de PontevedraViva Radio falamos de que quere e necesita saber a poboación máis nova, como as primeiras veces, o uso de preservativo, de anticonceptivos, o consumo de pornografía, o respecto cara á decisión da outra persoa, orientación sexual, sexting... O seu contacto con estas idades a través dos talleres achégalle unha radiografía moi evidente da percepción, coñecemento e experiencia que existe nestas idades sobre o sexo. 

'Sex On' está escrito para lectores desde Primeiro da ESO ata Bacharelato; aínda que adultos que xa o leron "dinme que lles gustou bastante". Recompila toda unha serie de preguntas que os adolescentes lle han ido trasladando e ás que dá resposta través de catro personaxes cos que se pode identificar este público.