Radio, música e danza van da man na gala 'Musigal na onda'

Pontevedra
28 de febreiro 2019

Radio, música e danza déronse a man este mércores no man no vestíbulo do Pazo Provincial con motivo da segunda edición do espectáculo 'Musigal na onda', que, de novo, contou co músico e escritor Xurxo Souto como mestre de cerimonias 

Musigal na Onda 2019
Musigal na Onda 2019 / Mónica Patxot

Radio, música e danza déronse a man este mércores no man no vestíbulo do Pazo Provincial con motivo da segunda edición do espectáculo 'Musigal na onda', que, de novo, contou co músico e escritor Xurxo Souto como mestre de cerimonias. 

Baixo o formato dun programa de radio en directo, o espectáculo contou coa música en directo de Xosé Manuel Budiño, que co seu novo traballo se inscribiu nesta edición de Musigal en 'Son Actual' e Vudú, formación musical composta por Belén Tajes e Maritxinha Gómez e que participa no Musigal 2019 na categoría 'Son Muller'.

Ademais, houbo un breve espectáculo de danza da man de Rebeca Santos e subiron ao escenario Xaquín Xesteira, membro do grupo de Treixadura, inscrito no Musigal na categoría 'Son Tradición' de Andrea Pousa, que participa na categoría 'Son Actual' e dunha representante de Pés de lan, formación que forma parte de Verbena Galega, inscrita en 'Son Crianza'.

'Musigal na onda' estivo concebido como unha forma lúdica de dar a coñecer o programa Musigal da Deputación Provincial de Pontevedra, que entre abril e setembro levará a música galega e en galego a concellos de toda a provincia. Este proxecto busca a difusión da música galega e en galego a nivel profesional en todos os concellos da provincia, con independencia do seu tamaño, ubicación, ou recursos económicos.

Musigal posibilita que a música profesional chegue a toda a cidadanía baixo a fórmula de cofinanciación entre a Deputación e os concellos. Así, o organismo provincial asume o caché do espectáculo do grupo ou artista, mentres que o Concello aboa a produción da actuación: equipos de son, luz, escenario e demais medios necesarios para o desenvolvemento da actuación.