RADIO.- María do Ceo celebra vinte e cinco anos como artista levando ao fado unha selección de autores galegos

Pontevedra
16 de febreiro 2023

'Galicia Nai' é o título do libro-disco co que a fadista celebra este aniversario. Cántanos e fala en PontevedraViva Radio de recordos, compromiso, homenaxe e irmandamento entre Portugal e Galicia

María do Ceo e José Salgado interpretan un fado en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

'Galicia Nai' é o novo traballo da fadista María do Ceo. O décimo sétimo álbum da súa traxectoria e co que quere homenaxear a Galicia no seu 25 aniversario de carreira musical. Trátase dun disco-libro no que canta poemas de Rosalía, Neira Vilas, Manuel María, Carvalho Calero, Pepe Velo e Armando González López, poeta que desde hai anos compón para ela.

Facemos repaso no podcast 'Cara a cara' desta traxectoria da artista oriúnda de Porto e residente en Ourense desde os dez anos. Unha traxectoria compartida, como músico e como parella, desde fai case corenta e cinco anos con José Salgado, guitarrista, que tamén a acompaña e participa neste programa. 

É o álbum con maior compromiso para a fadista: "cando nun traballo queres englobar 25 anos de carreira con poemas que xa cantaron outros artistas, queres poñer o teu gran de area, non defraudar ao teu público. A miña idea era facer un disco dedicado a Galicia e aos galegos" comenta.

María do Ceoe José Salgado regálannos un peche sobresaliente interpretando 'Morada de bágoas', unha canción con letra de Armando González e música da propia fadista, na que condena a violencia machista. Podes escoitar o podcast na ligazón que se adxunta e descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.