RADIO.- Lola Fernández Pazos sitúa os segredos dunha saga familiar no Pazo de Lourizán

Pontevedra
24 de abril 2022

A escritoria e xornalista fálanos ademais en PontevedraViva Radio da súa experiencia vital con Rusia, o Opus, a economía e 'O amor en tempos de Tinder'. O 11 de maio presenta a súa primeira novela, 'El Pazo de Lourizán', acompañada doutra autora, Arantxa Portabales

Lola Fernández Pazos publica en mayo la novela 'El Pazo de Lourizán'
Lola Fernández Pazos publica en mayo la novela 'El Pazo de Lourizán' / Mónica Patxot

Aínda que naceu e a súa vida desenvolveuna en Madrid, a ascendencia de Lola Fernández Pazos é pontevedresa e recentemente regresou a Marín. O causante da charla que mantemos en PontevedraViva Radio é o libro 'El Pazo de Lourizán', primeira novela que publicará e presentará o 11 de maio xunto a Arantxa Portabales. A súa biografía e experiencia profesional como xornalista lévanos a falar doutras cuestións tamén actuais.

Falamos de Rusia e Ucraína porque Lola estudou EXB nun centro público integrado por profesores retornados rusos, logo estudou ruso no Instituto Pushkin e máis tarde na Universidade Lomonósov de Moscova, onde viviu a caída da Unión Soviética: "pasamos medo, pasamos frío, pasamos fame pero a recordo como a mellor experiencia de vida", afirma. Tras aquela EXB (Primaria), o BUP (Secundaria) pasou a estudalo nun centro do Opus Dei: "o primeiro ano resultoume estraño e duro, quitando ese curso fun moi feliz. De feito fomos a única promoción sen cerimonia de gradación polo rebeldes que foramos todas as nenas".

Hai cabida neste 'Cara a cara' para falar tamén da situación económica actual, dada a súa formación e experiencia profesional na prensa salmón e na Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia. Das cuestións crematísticas pasamos ao amor, ao amor en redes sociais, xa que o seu primeiro título publicado como escritora foi 'O amor en tempos de Tinder. Manual urxente para triunfar en redes de contacto'.

E deixamos para a parte final da conversación a súa primeira novela, 'El Pazo de Lourizán', un texto que comezou a escribir o día seguinte ao falecemento do seu pai. "Con dezaoito anos alguén me contou unha historia e díxome, tes que escribila e publicala; pero non podía porque as emocións non mo permitían". Unhas misteriosas cartas entretecen as páxinas deste libro que discorre como sinala o seu título polo Pazo de Lourizán. Un emprazamento enraizado coa autora: "eu existo grazas ao Pazo de Lourizán".