O próximo setembro cumprirase unha década desde que o mozo pontevedrés Hernán Fariñas Vales deixaba a cidade do Lérez para emprender unha nova etapa en Londres. Concluíra Publicidade na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a crise económica facía efecto no futuro laboral da súa xeración.
Comezou na capital do Támesis con traballos alleos á súa formación académica, pero pasado o tempo enganchou o seu tren e nese ámbito continúa, agora e desde finais do ano pasado na cidade de Brighton. Charlamos con el no podcast 'Ponte en el mapa' para o que fai oco na súa actividade laboral.
Fálanos de dous fitos con transcendencia internacional e global: o Brexit e a covid-19, o primeiro xa superado como persoa migrante aínda que con "efectos futuros incertos" e a segunda, retomando o pulso á normalidade tras meses de restricións. E preguntámoslle polo causante da súa presenza en PontevedraViva Radio.
Acaba de publicar o seu primeiro libro de relatos, ata 33 se compendian en 'Exigimos al autor que se presente'. É o resultado de quince anos como escritor "fixo discontínuo" . Un libro onde, salvo o romántico, destapa todo un crisol de xéneros que adereza cun particular estilo directo, sen aderezos. Quedou finalista no IX Certame de Relato Curto da editorial Booket-Austral e xa é finalista do Certámen Libélulas Negras, pendente do seu fallo final.
É a súa primeira publicación, pero non será a última porque como avanza, xa leva uns cantos centos de páxinas do que pode ser o seu segundo libro. Atención ás súas redes, a presentación deste autor, xa está feita.