RADIO.- Falamos con Seve Casalderrey do FICBUEU, de Joris Ivens e da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España

Pontevedra
14 de setembro 2023

A presente edición do Festival Internacional de Curtas de Bueu, FICBUEU, está en pleno desenvolvemento. Charlamos en PontevedraViva Radio co seu programador ademais de autor dos Cadernos FICBUEU e quen este ano xa entrou a formar parte dos membros da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España

Severiano Casalderrey, programador e autor dos Cadernos FICBUEU
Severiano Casalderrey, programador e autor dos Cadernos FICBUEU / PontevedraViva

A décimo sexta edición do Festival Internacional de Curtas de Bueu está en pleno desenvolvemento. As case trinta proxeccións da Sección Oficial son o resultado da infinidade de visionados que previamente fai o seu programador, Severiano Casalderrey, con quen e das que charlamos un ano máis no 'Cara a cara'.

É ademais autor dosCadernos FICBUEU que van xa polo seu número catro e que nesta ocasión está dedicado ao realizador holandés Joris Ivens. Durante a charla reconstrúenos a súa biografía, as súas diferentes facetas profesionais no cinema: a artística, a de activista, a de viaxeiro e a de cronista dos conflitos bélicos do século XX; e o legado que para esta disciplina artística supón a súa traxectoria. 

Non deixamos pasar por alto unha circunstancia, desde este 2023 Seve Casalderrey tamén é membro da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España. Desde 2012 o é da Academia Galega do Audiovisual. Como integrante da primeira, xa exerceu a súa primeira votación preseleccionando tres películas españolas entre as que sairá a cinta que represente a España nos próximos Óscars. Así que falamos deses títulos, un dos cales - e antes da súa selección - incluíuse e proxectou neste Festival: '20.000 especies de abejas' de Izaskun Urkijo.

O podcast completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar desde a web de PontevedraViva Radio.