RADIO.- Escoita co Cara a cara aos artistas do Festival Internacional de Jazz e Blues

Pontevedra
18 de xullo 2019

Alberto Lastres, un dos organizadores do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, guíanos en  PontevedraViva Radio para coñecer aos artistas que entre o 23 e o 28 de xullo actuarán nesta vixésimo sétima edición

Alberto Lastres, membro da organización do Festival de Jazz, en PontevedraViva Radio
Alberto Lastres, membro da organización do Festival de Jazz, en PontevedraViva Radio / Cristina Saiz

Esta vixésimo sétima edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra ten un marcado son pontevedrés. Así o corrobora Alberto Lastres, un dos organizadores do consolidado evento estival da capital. Dos cinco concertos previstos, o primeiro deles - o 23 na praza do Teucro - e o último - o 28 na praza da Ferrería-, levan o nome de músicos desta capital. Mr River e Gabriel Peso, respectivamente.

Un festival practicamente pioneiro en Galicia e que a día de hoxe pódese dicir que creou escola: "queremos pensar que é a demanda do público, porque cando empezamos con esta tolemia cremos que había un público que estaba privado deste tipo de espectáculos ao aire libre e en directo. Vese que tiñamos algo de razón porque posteriormente foron xurdindo outros festivais que dalgunha forma confirman que hai ese público e que cada vez é máis numeroso" comenta en PontevedraViva Radio.

Durante ese próximas cinco xornadas a cidade estará envolvida en jazz e blues desde a mañá ata a noite coas propostas de workshop, street band ou as sesións vermut e nocturnas incluídas na presente edición. Se queres coñecer que soará nestes concertos, podes escoitar este Cara a cara, no que acompañamos coas súas composicións as recensións que Alberto Lastres vai ofrecendo deste elenco de artistas.

Mr River, liderado por Miguel del Río e que presentarán o seu último traballo en formato quinteto. Álvaro del Valle, consolidado guitarrista madrileño vinculado a artistas galegos que lle acompañarán na praza do Teucro. Joey Defrancesco Trío abrirá as veladas da Ferrería. Defrancesco é un virtuoso do piano que xa tocaba con catro anos; vocalista, trompetista e considerado un dos renovadores do órgano electrónico Hammond.

Judith Hill é a voz feminina desta edición do Festival do Jazz. Unha muller que foi corista, caso de Prince, produtor do seu primeiro disco; e de non ser polo seu falecemento, de Michael Jackson para a súa xira 'This is it'. O norteamericano José James xa participara neste festival en 2011 e o seu dominio do jazz vocal devólveo ao escenario principal da Ferrería para ofrecer as versións de Bill Withers do seu último disco.

Gabriel Peso Trío serán quen conclúa a edición 2019. O pianista, arreglista e produtor pontevedrés xa estivo tamén participando neste ciclo e no último traballo editado, 'Travesía', mestura jazz con outros xéneros como o blues, o rock progresivo ou a mesma muiñeira.