RADIO.- Defreds pon en librerías 'Siempre', outro libro dos que enganchan aos mozos para ler poesía

Pontevedra
31 de marzo 2023

José Ángel Gómez Iglesias ten xa nas librerías o seu undécimo libro. 'Siempre' é un desfile zodiacal e poético co seu persoal sinal. O vigués, coñecido polo alias de Defreds, pon nome a un 'Cara a cara' en PontevedraViva Radio

O escritor vigués José Ángel Gómez Iglesias, Defreds
O escritor vigués José Ángel Gómez Iglesias, Defreds

'Ojalá', o penúltimo libro de Defreds, estivo o pasado 2022 encabezando durante semanas a listaxe de libros máis lidos de poesía en España. Os títulos previos non lle quedaron á zaga en éxito. Ademais José Ángel Gómez Iglesias tamén está entre os autores máis influentes deste país se se atende ao número de seguidores que acumula nas súas redes sociais. Non hai que irse moi lonxe para atopalo, no mesmo Vigo. Este marzo acaba de publicar o undécimo libro nestes últimos oito anos: 'Siempre'

A súa traxectoria desde 2011 xa é máis que coñecida. Empezou a publicar frases usando de altofalante Twitter. Estas foron calando entre os twitteros. Unha editorial propúxolle pasar a escribir un libro e tempo despois un grupo editorial fichouno para a súa nómina de escritores. Antes de todo isto era empregado do Corte Inglés, a súa primeira firma de libros foi nesa mesma superficie comercial.

Outro dos méritos de Defreds é o de aglutinar un público novo e moi novo entre páxinas de poesía. Di respecto diso: "non é certo que a xente nova non lea, igual é que non atopan o que lles apetece ler". Daqueles que lle seguen desde o principio e de quen se vai sumando, engade: "cando empezaba os lectores eran moi novos, agora despois de oito anos e once libros moita xente creceu comigo e tamén se sumou outra. Ao final os sentimentos non entenden de idade, a xente namórase con quince, con cincuenta ou con setenta. O que escribo son relatos de sentimentos, de vida e sen filtros". 

Se en 'Ojalá' miraba aos astros, en 'Siempre' se parou no horóscopo. Hai nexos entre ambos. Un deles o da ilustradora Lady Desidia que deu outro plus a este libro, non só visualmente, senón tamén ao sentido do tacto, desde a portada a cada unha das súas páxinas.

Ademais de escribir, atender redes sociais, compromisos editoriais ou literarios, tamén hai produtos de merchandising de Defreds, como un Mr Wonderful galego. Este 'Cara a cara' completo pode escoitarse na ligazón que se adxunta e tamén descargarse o podcast desde a web de PontevedraViva Radio.