Dakidarría é unha banda que comezou nun instituto de Nigrán, como cuarteto. Actualmente son nove músicos no escenario máis catro técnicos. O grupo do Val Miñor actúan este mércores 9 xunto a Lamatumbá no ciclo Urbana de Monte Porreiro ás 21.00 horas e dentro do programa 'Pontevedra Verán Fest'.
Charlamos en PontevedraViva Radio co seu guitarra e voz principal, Gabri Reigosa, e preguntámoslle que cambiou e que se mantén en Dakidarría nestes vinte anos que cumpren en 2023: "o primeiro que cambiou son os seus integrantes. Pasaron moitas persoas que deixaron nesta banda parte da súa vida. Botando agora a vista atrás tras vinte anos dásche conta destas cousas, da cantidade de esforzo persoal de cada unha. O que non cambiou son as ganas de seguir transmitindo as nosas ideas e valores e de gozar da música. Ese espírito guerreiro da ría".
Soan a ska, punk e reggae. Incluírse na etiqueta de música urbana é "un pouco raro porque nós vimos do rural; o certo é que bebemos de diferentes estilos que tratamos de mezlcar e facer o que nos pida a canción". As súas letras están absolutamente comprometidas e aínda que comezaron a compoñer en castelán, pasáronse ao galego e xunto a este cantan igualmente en varias linguas. Gabri Reigosa explica que "comezamos cantando en castelán e non comprendiamos a importancia da defensa da nosa lingua. Logo démonos conta que era moi importante dar ese paso e convertémonos, creo, na primeira banda neofalante do país. Os medos que tiñamos por ter carreira fóra de Galicia desapareceron porque vimos que o público o que demandaba eran nosas cancións en galego".
'Colaxe' é o seu último disco, presentado o ano pasado. Agora están inmersos nunha xira especial, conmemorativa do vixésimo aniversario. O podcast completo deste 'Cara a cara' pode escoitarse na ligazón que se adxunta e tamén descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.