RADIO.- Conversas na Ferrería con pai e filla, con dous artistas: Álex Vázquez e Amelia Palacios

Pontevedra
25 de outubro 2019

Charlamos cun pai e unha filla en PontevedraViva Radio e ao tempo con dous artistas. Con Álex Vázquez e con Amelia Palacios falamos de arte e dun arquitecto vinculado tamén a esta familia, Antonio Palacios. Por suposto da exposición que actualmente comparten no Pazo da Cultura

Amelia Palacios e o seu pai, Álex Vázquez, nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio
Amelia Palacios e o seu pai, Álex Vázquez, nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio

Álex Vázquez e Amelia Palacios ofrecen unha exposición conxunta no Pazo da Cultura de Pontevedra. Axuntados na novena edición de 'Na beira do río. Diálogos na pintura'. E iso é o que tratamos de conseguir nestas Conversas na Ferrería. Arrincamos pedindo á filla unha descrición da pintura do pai: "é unha explosión de cor, a captura dun instante; como unha fotografía con moi pouco tempo de exposición. Teñen vida os seus cadros", di Amelia. O seu pai engade que ela  "é moi distinta a min, é moi sutil, unha pintura moi elaborada, nos seus cadros asoma a alma das paisaxes; eu describo ela suxire".

Con ese punto de partida, continuamos as Conversas na Ferrería cunha formulación sobre a arte como motivo de reflexión ou motivo de goce, de novas ferramentas e conceptos artísticos; da formación dun artista, de necesidade ou idoneidade dun cambio no concepto, uso e xestión dos museos, dunha lei de mecenado e de coleccionismo.

Hai unha chamada destacable na que coinciden Álex e Amelia en PontevedraViva Radio: "a mocidade non accede ás salas de exposición" polo que procede preguntarse - entidades públicas e privadas - o por que. Hai que achegar aos máis pequenos aos museos e hai que deixarlles desenvolver a súa creatividade, a súa faceta artística. E dino dous artistas con experiencia nas actividades didácticas cos nenos.

Para completar esta conversación miramos a outro artista, tamén vinculado a esta familia, o arquitecto Antonio Palacios. A súa obra en Mondariz, concretamente a Fonte de Troncoso, está nunha situación de perigo de derrube. "É unha obrigación e se chega a faltar ou desaparecer imos arrepentir moito; é unha xoia que temos que conservar", di Amelia Palacios. "É penoso e máis que suceda tan preto de onde naceu - en Madrid está a tratarse con mimo a súa obra -, pero que aquí permitamos que iso se destrúa sería imperdoable" concluye Álex Vázquez.