O FICBUEU 2018 está xa na súa conta atrás para desenvolver unha programación intensa e atractiva durante nove días. Comeza este venres 7 de setembro e ata o día 15. Por iso, as Conversas na Ferrería, fan parada outro ano máis nesta refencia das curtametraxes desde as Rías Baixas. Charlamos con Manuel Pena, director do Festival; Severiano Casalderrey, programador do mesmo e María Ruiz, auxiliar de produción.
Debullamos a programación e falamos doutros aspectos do 'backstage' nesta gran maquinaria que require a organización dun evento destas características. O Festival volveu a superarse en canto a cintas recibidas, máis de dous mil curtametraxes, dos que proxectarán ao redor de 80 nestes días. Para iso, Seve Casalderrey dedica tres meses ao seu visionado previo e a súa selección, comenta en PontevedraViva Radio.
A estrutura prevista para a presente edición é similar ás últimas, pero dando un paso máis para seguir elevando o nivel de actividades e de invitados. Unha das novidades é que en lugar de arrincar en sábado, faio venres pola noite, cunha apertura máis ambiciosa coa presenza de The Alley Stompers eXoel López en concerto e a estrea dos tres curtos realizados na área social do FICBueu.