Eva Pena Fandiño, moañesa e residente en Pontevedra, estudou Belas Artes, ten dous másteres e é ilustradora. Iria Rodríguez de Jesús é pontevedresa é licenciada en Dirección e Administración de Empresas, fixo tres másteres e é copartícipe dunha axencia de márketing. Xunto a Lucía Viana forman O Galpón Lab, unha asociación sen ánimo de lucro para axudar a artistas emerxentes.
A experincia que contan en 'Mentres isto dure' evidencia a tesitura que os artistas están a atravesar durante a pandemia e tamén como o coronavirus fixo reconducir as iniciativas do seu proxecto, xa que arracaron a súa actividade pública unha semana antes de declararse o estado de alarma e iniciarse o confinamento.
En xaneiro de 2020 acabábanse de constituír oficialmente como asociación. Comezaron a organizar o seu primeiro evento que serviría ademais como tarxeta de presentación. "Naquel momento parecía que nos viña todo moi dado, moi propicio", comentan; e sacaron adiante esa primeira convocatoria: a exposición 'Mulleres creadoras' na Casa da Luz. Era o sete de marzo.
Chega o comezo do confinamento: para Eva foi "como caerlle unha pedra encima", "era impotencia, todos os proxectos que pensaramos teñen que pararse e ademais a incerteza de non saber canto ía durar". Con todo mantivéronse na máxima de que tiñan que seguir.
A partir de aí, reformularon as súas accións e atoparon na internet as súas posibilidades de reorientar as iniciativas. Así o estiveron facendo ata os meses de verán cando abriron unha sede en Loureiro Crespo. Con todo, as sucesivas ondas e restricións manteñen limitadas as súas propostas.
Outra evidencia que manifestan en PontevedraViva Radio é a difícil situación para os artistas das múltiples disciplinas con que traballan: "xa é moi complicado vender algo tan intanxible como a arte e se encima tes que estar na casa, imaxína; cando ademais a cultura parece que vai ser o último en normalizarse".