Trasladar 'Invisibles' do papel á escena teatral foi unha idea brillante. Interpretar ás sete mulleres que compoñen o texto está a ser moi intenso para Mela Casal, Sheila Fariña e Nieves Rodríguez; así como para a directora da obra, Marián Bañobre. Este xoves 15, a partir das 21 horas, o Teatro Principal mostrará ao público a historia das sete mulleres, vítimas da violencia machista, que a xornalistaMontse Fajardo recompilou no libro do mesmo nome.
Marián Bañobre fai confluír neste traballo a súa concepción do teatro: non só entretemento, senón tamén acción social para tratar de cambiar determinadas situacións. Para ela, conta no Cara a cara este proxecto está a ser "un máster e moi gratificante porque a pesar da crueza que contamos - e que como directora non teño a mesma experiencia -, traballar con estas actrices está a ser un agasallo".
Montse Fajardo agarda igualmente con certo nerviosismo esta estrea. Ela, do mesmo xeito que algunhas das mulleres que reflicte no libro, tiveron ocasión de ver a obra nun ensaio xeral. Emotividade desbordada e ao tempo a tranquilidade de comprobar que a máxima que puxo ao exporse esta obra teatral estaba cumprida: "quería que as protagonistas de 'Invisibles' sentisen cómodas coa representación que se fixese das súas vidas e así é", sinala en PontevedraViva Radio.
Ademais desta estrea, co que o Concello de Pontevedra abre os actos conmemorativos do 25N, 'Invisibles' representarase o 18 novembro en Viana do Bolo, o 23 en Milladoiro e no Auditorio de Vilagarcía o 24 de novembro.