Bueu está preparado xa para o comezo dun dos eventos que lle serven de embaixador cultural. O Festival Internacional de Curtametraxes que cumpre dez anos. Antes desta intensa semana pasaron polas Conversas na Ferrería de PontevedraViva RadioManuel Pena, director do FICBueu e Severiano Casalderrey, programador deste evento.
"Cando comezamos nin de broma pensabamos que iamos chegar ao que somos hoxe", recoñecen, pero nesta década foron crecendo cuns cimentos moi sólidos e esta é unha das claves do seu éxito. Cada ano vai aumentando o equipo, unhas sete persoas ao longo do ano; e postos nos días do festival case 40 persoas, sen contabilizar todos aqueles voluntarios que se suman a botar a unha man e que se duplicaron da pasada edición a esta presente.
Hai moitos afeccionados ás curtas, este festival demóstrao e o hándicap, como sinala o director do FICBueu, é o difícil acceso que teñen para chegar ás mesmas. Preto de cinco mil persoas formaron parte deste público o ano pasado, e neste 2017 esperan chegar ás sete mil. O festival ten afeccionados que "xa piden as súas vacacións coincidindo con estes días para acudir con tranquilidade, esquecéndose do reloxo e de ter que madrugar ao día seguinte".
Severiano introduciuse neste festival como un asistente máis; un ano entregou o premio do público, ao seguinte chamárono como xurado e agora é xa a man dereita de Pena en canto a programación. É el quen se meteu entre peito e costas a visión de case dous mil curtametraxes durante tres meses. Dise pronto. Unha media de seis horas diarias.
Preto de cen países presentáronse, uns corenta pasaron a selección. "Cada lugar ten a súa identidade. É bonito ver que a pesar das distancias todos temos os mesmos problemas, inquietudes...varía a forma de contalo", di Severiano. Nestas Conversas, déixanos "entrever" algunha recomendación sobre as curtas que se proxectan.
Este festival xa se converteu nun non parar, cando se apague o proxector e se dea por clausurada este edición, o equipo deste evento seguirá traballando para a edición 2018. Xa non hai descanso.