RADIO.- Aqueles novos estudantes chamados García Berlanga, Carlos Saura, Víctor Erice, Imanol Uribe ou Pilar Miró

Pontevedra
16 de setembro 2022

O Festival de Curtas de Bueu presenta esta fin de semana o terceiro número dos Cadernos FICBUEU. O seu autor, Severiano Casalderrey, acompáñanos en PontevedraViva Radio para falar do que foi a Escola Oficial de Cinematografía e o seu precedente o IIEC

Severiano Casalderrey, autor dos Cadernos FICBUEU
Severiano Casalderrey, autor dos Cadernos FICBUEU / PontevedraViva

Nomes como Luís García Berlanga, Carlos Saura, Mario Camus, José Luis Borau, Elías Querejeta, Víctor Erice, Imanol Uribe e un larguísimo etcétera están vinculados á historia do primeiro centro onde se formaba nas diferentes actividades vinculadas co cinema, desde as técnicas ata as artísticas. En 1947 creábase o Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas que en 1962 pasou a ser a Escola Oficial de Cinematografía ata 1976, cando as súas funcións foron absorvidas pola Facultade de Ciencias da Información na Complutense de Madrid.

A historia daquel Instituto - cuxo xerme estivo na Escola de Enxeñeiros Industriais -, e posterior Escola Oficial co recoñecemento académico que supoñía, así como os traballos que os seus estudantes realizaban nas mesmas foron obxecto dun concienzudo estudo que se compendia no terceiro exemplar dos Cadernos FICBUEU. Unha edición que se presentará este próximo sábado 17 como unha das actividades programadas polo Festival de Curtas bueuense.

Charlamos en PontevedraViva Radio co seu autor, Severiano Casalderrey Conde, subdirector do Festival, quen precisamente cun extracto deste libro fíxose cun dos Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual. Fainos referencia tamén ao contexto político co que conviviu aquel Instituto - Escola Oficial, a pesar do cal era como "un oasis creativo" tendo en conta a censura imperante; das primeiras Conversacións Cinematográficas Nacionais de Salamanca, ou das primeiras Xornadas Internacionais de Escolas de Cinematografía celebradas en Sitges - que darían lugar ao hoxe coñecido Festival -.

Tamén facemos parada nas mulleres pioneiras da Escola Oficial de Cinematografía, a primeira matriculada Katryn Waldo, o primeiro mediometraje prohibido polo franquismo 'Margarita e o lobo' de Cecilia Bartolomé; a primeira diplomada en dirección Josefina Molina, que naquel momento realizou unha metraxe dentro dun cárcere de mulleres e o nome máis coñecido, o de Pilar Miró.