RADIO.- Ángela Banzas, a autora do misterio e a intriga na ría de Arousa

Pontevedra
26 de novembro 2022

Vilagarcía e A Illa de Arousa serven de inspiración para recrear a Illa de Cruces e poñer escenarios a 'La conjura de la niebla', segunda novela de Ángela Banzas, con quen falamos en PontevedraViva Radio

Ángela Banzas, autora de 'El silencio de las olas' e 'La conjura de la niebla'
Ángela Banzas, autora de 'El silencio de las olas' e 'La conjura de la niebla' / Paco Navarro

A compostelá Ángela Banzas publicou o pasado setembro a súa segunda novela'La conjura de la niebla' e vai xa pola súa terceira edición. Do mesmo xeito que no primeiro título da súa rúbrica, 'El silencio de las olas', Galicia pon escenario a senllas tramas de misterio. Na segunda é concretamente, a ría de Arousa. Vilagarcía e A Illa de Arousa serven de inspiración para recrear a Illa de Cruces

Unha paisaxe que resulta indispensable e que lle dá "ese punto de encanto que se vai coando en personaxes e nas tramas. Doutra forma sería imposible darlle vida a esta novela" dinos en PontevedraViva Radio a autora, sinalando que goza moito coa ambientación: "encántame o que me contan os lectores, que digan que lles transporto aquí, que o senten ou que teñen moitas ganas de vir".

Tamén hai un protagonismo coral feminino: a xuíza Casades, a súa nai e a súa avoa, a súa tía, unha adolescente que desaparece; Jackie, a amiga da xuíza. Hai tradición, mitoloxía, unha mestura do que a autora foi imbuíndo na súa vida e tamén da investigación realizada para desenvolver a novela. Neste punto emerxe Amaro, un curandeiro. "Pareceume sempre unha figura moi peculiar. Fóra de Galicia cren que é máis anecdótico ou afastado do hoxe do que están".

Ángela Banzas prefire evitar a denominación de thriller. Recoñece que efectivamente é un xénero que se le exitosamente e que "vive unha época dourada", pero engade neste podcast 'Cara a cara' que: "escribo novelas, historias e gústame dotalas de misterio, de intriga. Agora mesmo estou a escribir misterio pero iso non quita para que noutro momento estea a escribir outra cousa".