O escritor e tradutor Alejandro Palomas pecha o círculo aberto en xaneiro deste mesmo ano cando na Cadena Ser declarou por primeira vez publicamente ser un neno abusado. Pecha o círculo porque en 'Esto no se diice' relata que lle sucedeu a aquel neno de oito anos que sufriu abusos por parte dun relixioso do centro en que estudaba, que tamén sufriu acoso e sentido os malos tratos dentro da súa familia.
"Este non é un libro que fai sufrir" aínda que describa situacións moi duras. "É un bálsamo, eu escribino con esa vontade" acláranos durante a charla que mantemos co autor en PontevedraViva Radio, dentro da promoción que está a facer deste novo título. Unha etapa de promoción na que está a recibir o feedback das/os libreiros, que lle interesan notablemente, así como dos seus lectores.
Entre este público que está a descubrir o contido de 'Esto no se dice': "hai moitas persoas que senten que se lles desbloquea algo da súa infancia que tiñan inconscientemente bloqueado e que ata entón non quixeran tocar. Todos durante a infancia pasamos por algo que nos bloqueou e fíxonos cambiar a cor da infancia", comenta Palomas no 'Cara a cara'.
Tamén ofrece charlas en centros educativos sobre bullying "desde a experiencia propia". Non é partidario do termo acoso escolar, argumentando que "é acoso na infancia, na pre adolescencia ou na adolescencia, non é só no centro escolar". É taxativo na resposta a se a sociedade actual está preparada para protexer aos menores de delitos como o abuso ou o acoso: "estar preparado e actuar non é o mesmo", en definitiva "non hai vontade".