RADIO.- A playlist de... Jordi Lauren, de profesión, inquieto

Pontevedra
01 de decembro 2018

Jordi  Lauren é bueuense, xestor cultural e o público aínda que non o coñeza a el, seguro que coñece o Festival SonRías Baixas. Esta semana, é o protagonista da  Playlist de PontevedraViva Radio

Jordi Lauren, xestor cultural, convidado na Playlist
Jordi Lauren, xestor cultural, convidado na Playlist / Mónica Patxot

Jordi Lauren, xestor cultural, e entre outros, director do Festival SonRías Baixas que acolle o municipio de Bueu e que tivo a súa orixe en 'Troula na banda' onde non faltaba a inquietude de Jordi. De profesión "inquieto" di el. El é o cincuenta por cento desta Playlist.A outra metade é Jorge Lorenzo Couselo, o fillo de Ana e Amador, o xogador de fútbol que pasou polo Madrid, o Hércules, o Barcelona e o Murcia. 

Amador e Ana coñecéronse na praia de Aguete, el de Bueu, ela de Poio. Jordi/Jorge naceu por vontade materna en Poio, e logo regresaron a Barcelona onde residía o matrimonio, daquela os compromisos futbolísticos - ata que chegou a fatal lesión -, trasladaron á familia a Murcia.

Aí chegou o regreso a Galicia, a Bueu, aínda que Jordi e a súa irmá pasaron a etapa escolar en Pontevedra. Na adolescencia pasou un curso en Irlanda e "terminei en Santiago", arrancando na Facultade de Empresariais, pero terminando na de Historia da arte. A cidade condal cruzouse de novo na súa vida, esta vez para facer un máster en xestión cultural.

Esa multiculturalidade que a vida lle reportou reflíctese tamén nos seus gustos musicais. A música, esa arte que move a centenares, miles ou decenas de miles de persoas aos festivais. E nestas lides está metido profesionalmente Jordi, nestas e máis recentemente na de manager, algo que non é tan idílico nin glamuroso como din os tópicos, matiza nesta Playlist.

Se a súa nai foi a primeira persoa que lle conduciu musicalmente escoitando rock americano, agora é outra moza quen lle conduce por momentos. Ten sete anos e chámase Celia. Declárase en PontevedraViva Radio un tipo práctico, excesivamente confiado, optimista e por suposto con desexos por seguir cumprindo.