RADIO.- A playlist de... Jacobo Sainz: Unha guitarra con historia por un novo proxecto musical

Pontevedra
07 de decembro 2019

Música e fútbol. Ou fútbol e música. Un tándem que acompaña a vida do mozo Jacobo Sainz. A súa primeira e exitosa banda foi Vortex. Agora acaba de editar o seu primeiro  LP en solitario, 'City Lights' que presentará este mes acompañado de banda. É o protagonista da Playlist de  PontevedraViva Radio

Jacobo Sainz escolle a selección da Playlist desta semana en PontevedraViva Radio
Jacobo Sainz escolle a selección da Playlist desta semana en PontevedraViva Radio / Cristina Saiz

Jacobo Sainz López comezou nova etapa musical. Tras o período en que foi voz e guitarra de Vortex lánzase en solitario e cun estilo que virou cento oitenta graos respecto a aquel grupo.

Outra viraxe chegoulle con vinte anos tan só. Un contratempo futbolístico levoulle a un coma inducido durante varios días. Intervención cirúrxica, un mes hospitalizado; seis meses de repouso e empezar a camiñar, acompañado. Temía non poder volver pisar o céspede e darlle ao balón. Despois de algo máis dun ano, volveu xogar. Unha longa etapa na que a música foi unha compañía constante.

"Vivimos rodeados de segundas oportunidades e hai que aproveitalas" comenta na Playlist. Musicalmente, esa segunda oportunidade chámase 'City lights'. Un disco moi emocinal, onde "a guitarra é un instrumento que di tanto como unha frase". E falando de guitarras, tiña cinco, agora son catro porque unha delas - coa que tocou no Resurrection Fest, o concerto das Peregrinas e outros tantos, vendeuna para custearse este disco que acaba de editar.

Realista máis que optimista; nocturno máis que diúrno; conformista para unhas cousas e ambicioso para outras. Adestra a un equipo infanti de Poio, xoga no Salcedo e virtualmente ao FIFA coa PlayStation, compón e nas últimas semanas prepara a súa presentación en directo con banda. Será o próximo día 20 de decembro na Sala Karma, adianta en PontevedraViva Radio: "This is the time we were waiting for". Cando teñas 'City lights' entre as mans, entenderalo.