RADIO.- A playlist de... Felipe Rea: "un músico inquieto que non para de funcionar"

Pontevedra
13 de marzo 2021

Felipe Rea Otero é músico e compositor, como un dos seus preceptores, o tamén marinense Francisco Landín Pazos. O pasado febreiro recibiu unha mención de honra no Concurso Internacional Rodrigo Landa Romero de México. Comparte as súas vivencias e música na Playlist de PontevedraViva Radio

O músico e compositor Felipe Rea Otero en PontevedraViva Radio
O músico e compositor Felipe Rea Otero en PontevedraViva Radio / PontevedraViva Radio

A Playlist comeza e termina cunha mesma persoa; non, con dúas. Unha é a que fala e comparte a súa selección musical e outra da que fala e lembra musicalmente. Felipe Rea Otero, defínese a si mesmo como "un músico inquieto que non para de funcionar". Síntese marinense, gran parte dos seus amigos e a súa vida están vinculadas ao Regueiro, "o recheo", vive en Barro desde hai doce anos e traballa en Pontevedra.

E a outra persoa, presente de principio a fin chámase Dolores, a avoa coa que se se criou Felipe, a que lle cantaba unha nana asturiana e á que dedica o peche deste podcast. Un programa con cantos de taberna, con música tradicional como a de Milladoiro, Berrogüeto, Rumbadeira; e tamén con Trompos os Pés, Gandaina, Mixtura e A Ghaita do Avó, formacións nas que estivo.

O seu "enganche" á música en xeral e á tradicional en particular enlaza con outro nome propio marinense, o do músico e compositor Francisco Landín Pazos. Fala ademais en PontevedraViva Radio da súa faceta como compositor, ámbito que o pasado febreiro reportoulle unha mención en honra no Concurso Internacional Rodrigo Landa Romero de México con ' Bágoas de amor'.

Como compositor tamén se reflicte en Quolibet "un dúo atípico de gaita e piano" xunto a Andrea García González, coa que ademais imparte clases na academia do mesmo nome. Rea Otero comparte no programa outra das súas facetas e inquietudes, o que no argot da música tradicional chámase "recoller"; percorrer aldeas para falar e escoitar aos maiores que atesouran ese patrimonio inmaterial que é a tradición oral e musical.