RADIO.- A Lama inspira a Gisela Moon na súa primeira novela chick lit: 'Recuérdame quién soy'

Pontevedra
13 de decembro 2019

Gisela Moon é o nome artístico que esta asturiana, fincada na Lama, elixiu para canalizar a súa vertente literaria, cóntanos en PontevedraViva Radio. Acaba de editar a súa primeira novela, titulada 'Recuérdame quién soy' que presenta estes días en Ponte Caldelas, Carballedo e Ourense

 Gisela  Moon estivo en PontevedraViva Radio coa súa novela e a súa guitarra
Gisela Moon estivo en PontevedraViva Radio coa súa novela e a súa guitarra / Cristina Saiz

Gisela - (pronúnciase como girasol) - Menéndez Calvo é de Avilés e reside na Lama desde hai dous anos, aínda que acumula sete en Galicia. Foi ese municipio o que puxo o marco inspirador á súa primeira novela  'Recuérdame quién soy'  que está a presentar estes días en varios puntos da provincia e de Ourense.

E de que fala  'Recuérdame quién soy'?, di Gisela Moon -nome artístico- no Cara a cara, que "hai romance, hai picante, hai diversión e hai superación por parte da súa protagonista". Unha novela que encaixa no subgénero chamado chick lit.

Debeulle pellizcar isto de escribir, dado que na súa cabeza xa rolda dar continuidade a este primeiro proxecto en forma de triloxía. É a súa primeira novela, pero non a súa primeira publicación, xa que en Asturias fixo durante un tempo crítica musical na prensa rexional.

 Gisela ademais cursou estudos superiores de violín e de forma autodidacta canto. Foi precisamente a música, o que a trouxo profesionalmente ata Galicia. Unha faceta que demostra á perfección en PontevedraViva Radio, onde interpreta un dos temas que acompañan á novela.

Non deixamos escapar outras dúas das profesións que ocupan a esta activa muller: nai dun neno de tres anos e tamén monitora de zumba; algo que xurdiu de forma casual e que foi crecendo e demandándoa en varios centros e localidades.