RADIO.- A galega Lara Serodio presenta 'La piel infiel', unha novela erótica que "é unha historia de amor propio por encima de todo"

Pontevedra
22 de xaneiro 2024

'La piel infiel' foi primeiro un exitoso audiolibro e neste inicio de 2024 toma forma de libro. Charlamos en PontevedraViva Radio coa súa autora, a viguesa Lara A. Serodio, quen leva anos residindo en Cataluña pero segue sentíndose "máis galega que a centola"

A escritora galega Lara A. Serodio
A escritora galega Lara A. Serodio / Cristina Reche

A viguesa Lara A. Serodio arrinca o ano coa publicación de 'La piel infiel'. Profesionalmente vinculada ao sector audiovisual, dixital e publicitario, tamén escribe e publica novelas desde 2015. Trasladouse a Cataluña para cursar estudos superiores e alí continúa, aínda que afirma con rotundidade que segue sentíndose "máis galega que a centola". Esta novela, hai que advertir con vehemencia, non é só unha novela erótica, vai moito máis alá do erotismo e do sexo explícito "e realista", como puntualiza Lara na charla que mantemos no podcast 'Cara a cara'

'La piel infiel' tivo unha exitosa primeira versión en formato audiolibro e posteriormente pasou a ter o formato para o que se escribiu inicialmente, o libro; aínda que agora hase reescrito para a edición de NdeNovela. Protagonízaa Emma, unha muller na metade da trintena en crise. Nesa tesitura aparece un home sedutor, exitoso e casado. A atracción para a ser un affaire que toma proporcións e consecuencias imprevistas pola protagonista.  Hai erotismo, hai sexo e tamén hai amor porque "é unha historia de amor propio por encima de todo e de saúde mental", afirma rotunda Lara.

"A etiqueta do erótico é sobreentendida de antemán dunha forma e non era a miña intención. A parte erótica era un vehículo para profundidar varios chanzos que son os que percorren a historia, os que debuxan ao personaxe e sobre os que realmente trata", explica. Por exemplo, a percepción social sobre unha infidelidade masculina ou feminina. Máis chanzos: esas expectativas sociais que van lastrando á muller ao cumprir etapas da súa vida; ter ou non "a valentía de ser a patroa do teu barco, que é a túa vida"; ou o amor romántico e a realidade. Con permiso da súa autora, un ilustrador parágrafo: "a única maneira de non sufrir chegados a certo estado das nosas vidas é deixar de esixir a idea de amor e buscar a idea de compartir a vida con alguén". 

A charla completa pode escoitarse na ligazón que se adxunta e igualmente escóitase e descarga desde a web de PontevedraViva Radio.