Quique González, Tulsa e Escuchando Elefantes, protagonistas dunha nova edición do ciclo 'Achégate ao Salón'

O Salnés
30 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:17

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, explicou durante a presentación deste ciclo "totalmente asentado" que con este evento "buscamos crear unha proposta alternativa, que saia do habitual"

Quique González, Tulsa e Escuchando Elefantes
Quique González, Tulsa e Escuchando Elefantes / PontevedraViva

Tres concertos integrarán a oferta musical da oitava edición do ciclo 'Achégate ao Salón', que se desenvolverá en Vilagarcía entre os meses de febreiro e abril. Serán, como é habitual, concertos os domingos pola mañá, a partir das 12:30 horas, no Salón García.

Os artistas invitados serán Quique González & Toni Brunet, Tulsa e Escuchando Elefantes.

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, explicou durante a presentación deste ciclo "totalmente asentado" que con este evento "buscamos crear unha proposta alternativa, que saia do habitual, fóra da tempada de verán e levando a música a outros espazos".

Quique González será o encargado de abrir o ciclo cun concerto o 16 de febreiro. Trátase dunha cita que haberá que marcar en vermello no calendario, xa que supón o regreso aos escenarios do artista madrileño que conta con milleiros de fans.

Farao en compañía do produtor e guitarrista, Toni Brunet, colaborador habitual tamén de Coque Malla, Miguel Ríos ou Andrés Suárez, co que González repasará os seus grandes éxitos.

Presentación da oitava edición do ciclo 'Achégate ao Salón'
Presentación da oitava edición do ciclo 'Achégate ao Salón'Concello de Vilagarcía de Arousa

O 23 de marzo será a quenda de Tulsa, o grupo capitaneado por Miren Iza, artista que vén de gañar o Premio Nacional de Músicas Actuales 2024 que concede o Ministerio de Cultura e Deporte polo seu álbum Amadora.

O ciclo pechará o 6 de abril con Escuchando Elefantes, un grupo de orixe galega formado por Carlos Tajes e Silvia Rábade no 2012, un dúo que aposta pola música de autor, implicándose en todo o proceso creativo, dende a composición ata a gravación dos videoclips.

Os abonos para o ciclo musical están á venda en Ataquilla.com ata o 10 de febreiro. O prezo é de 25 euros para o público xeral e de 15 euros para menores de 16 anos e desempregados.

A partir do 11 de febreiro sairán á venda as entradas individuais, cun prezo de 12 euros para todos os públicos e 6 euros no caso das bonificadas. Tamén se poderán mercar o mesmo día do concerto no Salón García, sempre e cando non se esgotasen na venda online.