Quince formacións compiten no Certame Galego de Bandas de Música que acolle a Boa Vila por vez primeira

Pontevedra
10 de outubro 2024
Actualizado: 17:11

Preto dun milleiro de intérpretes participarán nesta 17ª edición, que se celebra no Pazo da Cultura do 18 ao 20 de outubro

Presentación do XVII Certame Galego de Bandas de Música
Presentación do XVII Certame Galego de Bandas de Música / Xunta de Galicia

A cidade de Pontevedra será por vez primeira sede do Certame Galego de Bandas de Música, que celebra a súa 17ª edición do 18 ao 20 de outubro no Pazo da Cultura.

Este xoves tivo lugar a presentación do evento, organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares.

O certame contará cun acto de inauguración o venres 18 de outubro a partir das 21:30 horas, coa actuación da Banda de Música de Arzúa e o seu espectáculo 'Rock á galega'.

O auditorio do Pazo da Cultura será o escenario polo que pasarán as 15 bandas, que suman un milleiro de intérpretes que está previsto participen nesta edición os días 19 e 20 entre as 11.00 e as 21.00 horas.

Está prevista a retransmisión do evento en streaming mediante a ligazón que a Federación Galega de Bandas facilitará a través das súas redes sociais.

Durante a fin de semana de celebración, algunhas bandas percorrerán prazas e rúas da cidade.

A presenza de bandas galegas é como cada ano a principal do evento máis a organización quixo destacar tamén a presenza de tres bandas de recoñecido prestixio chegadas de Portugal, Benavente e Valencia.

A listaxe completa das agrupacións galegas seleccionadas está composta pola Agrupación Musical do Rosal, Banda Escola de Música de Beade, Banda de Música Popular Airiños do Morrazo de Moaña, Unión Musical de Coruxo, Banda de Música Unión Musical de Tenorio, Banda de Música Artística de Arcade, Banda Infantil de Lalín, Banda de Música Xuvenil de Xinzo, Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia, Banda Xuvenil da Unión Musical de Meaño e Banda-Escola da Banda Municipal da Estrada.

Cada unha delas deberá interpretar unha peza de presentación, unha obra de libre elección e outra proposta pola organización, seleccionada entre as obras premiadas en anteriores edicións do Concurso Galego de Composición.

Técnica, sonoridade, interpretación e escena serán os catro bloques valorados polo xurado para determinar os gañadores de cada sección, entre os que se distribuirán máis de 20.000 euros en premios.