A sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu este mércores 2 a entrega dos Premios Lazarillo 2024, os galardóns máis antigos do Estado español no ámbito da literatura infantil e xuvenil.
Por primeira vez nos seus maís de sesenta anos de historia, a cerimonia celebrouse fóra de Madrid ou Barcelona.
Cristina Alfonso Ibáñez, doutora en Filoloxía Inglesa e profesora, alzouse co premio na modalidade de Creación Literaria pola obra "Quiero un dragón", unha historia inspirada pola súa gata Tiny que narra as aventuras dun neno que desexa ter un dragón como mascota nun mundo onde estes seres son tan comúns como os cans e os gatos.
A autora agradeceu no acto o premio concedio polo xurado pero, sobre todo, destacou a importancia dos lectores: "Escribimos para eles. Fun lectora deste premio e parecíame inalcanzable".
Na categoría de Álbum Ilustrado, o galardón recaeu en "Tres eran tres", obra creada por Nerea Pérez Gordo nas ilustracións e José Luis Maestro Sarrión no texto.
O xurado destacou "a súa orixinalidade e o uso da rima que, a través do seu minimalismo, logra capturar a esencia da diversión e a aventura, despertando a imaxinación do lector cun diálogo vibrante e divertido entre os protagonistas".
Durante a cerimonia, Nerea Pérez Gordo aproveitou para "destacar a profesión da ilustración e agradecer a quen valora esta profesión", mentres que Maestro Sarrión recitou un poema persa que finalizaba coa frase "son o que escoita".
A convocatoria deste ano rexistrou 280 obras na modalidade de creación literaria (186 de narrativa, 71 de poesía e 23 de teatro) e 49 na de álbum ilustrado. Das obras literarias, 238 estaban escritas en castelán, 21 en catalán, 3 en éuscaro e 18 en galego.
Cada un dos galardóns está dotado con 6.000 euros, patrocinados polo Ministerio de Cultura e a empresa McDonald's.
O acto contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, quen salientou que a cidade se converteu nun "lugar vivo, dinámico e accesible" e que "recoñecer o traballo de quen escribe para as xeracións máis novas supón apostar polo noso futuro".
Tamén destacou como "o Salón medra converténdose nun faro infantil e xuvenil acollendo estes premios Lazarillo".
Jesús González, subdirector xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, amosouse "inmensamente feliz de celebrar o Día da Literatura Infantil en tan boa compañía" e avogou por "un pacto pola lectura para incrementar os índices lectores".
González citou a María Moliner no 125 aniversario do seu nacemento, lembrando que "máis que consumir tempo, ler créao" e defendeu que "ler é un dereito que desde os poderes públicos debemos protexer".
Durante a cerimonia tamén se recordou que numerosas figuras da literatura galega como Ledicia Costas (gañadora dúas veces e premiada tamén cun accésit) ou Andrea Maceiras foron galardoadas en anteriores edicións, destacando o papel dos creadores galegos como "fixos discontinuos nestes premios".
O acto contou, ademais, coa actuación musical dun cuarteto de corda, integrado por Sergio Heredia, Dana Rey, Mario Braña e Elsa Pidre, e das voces infantís do Coro Luis García Limeses, dirixido por Reyes Carballo.

Entrega dos Premios Lazarillo no Salón do Libro 2025