Unha quedada para "bailar e divertirse" recuperando o baile tradicional como expresión cultural

Pontevedra
24 de novembro 2024

"Imos recuperar o ambiente das romarías", explica Camilo Franco, director do Culturgal, que defende que a cultura debe ser "sinónimo de alegría". A quedada será no marco desta feira

O bailarín e coreógrafo Artur Puga
O bailarín e coreógrafo Artur Puga / Culturgal

O bailarín e coreógrafo Artur Puga coordinará a quedada popular 'Ven e Baila' que se celebrará o próximo domingo 1 de decembro no marco da nova edición da feira Culturgal.

Será ás 13:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra.O evento estará amenizado coa música da Asociación Folclórica O Fiadeiro e do grupo de música do Agadic.

Puga, impulsor de Seisporoito, unha escola itinerante de baile tradicional, e bailarín das Tanxugueiras no Benidorm Fest, reivindica recuperar o baile como expresión de cultura.

Para iso sostén que iniciativas como esta son positivas para que a xente "perda o medo" e comproben que "temos que divertirnos bailando".

O venres e o sábado, dentro da programación do Culturgal, haberá achegas ao baile, coa música do acordeonista Carlos Quintá, "para os que queiran ensaiar algo", aínda que segundo o coordinador desta quedada "non é imprescindible".

"Imos recuperar o ambiente das romarías", engade Camilo Franco, director do Culturgal, que defende que a cultura debe ser "sinónimo de alegría".

Así, o domingo pola tarde, para pechar esta edición da feira, chega ‘Somos pandereteiras’, conmotivoda designación da Real Academia Galega das pandereteiras como colectivo homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Culturgal contará para este acto con Bouba Pandereteiras, Ana Romaní, María Reimóndez, Susana S. Arins, Andrea Nunes Brións e Mercedes Peón, en conversa con Selina Otero.