Punto Nemo. Así se coñece ao punto máis afastado de calquera lugar habitado da Terra. Nese misterioso enclave ambiéntase a nova serie que a produtora galega Ficción Producciones (Vivir sin permiso, Operación Marea Negra), gravou para Prime Vídeo e que se estreará en 2025.
Os seis episodios desta serie, na que colaboran RTP e TVG, rodáronse durante o últimos tres meses en diversas localizacións de Galicia e Portugal, entre elas a batería militar do Grove -é, de feito, a primeira serie española en gravar en instalacións do exército- e en espectaculares paraxes naturais da illa de Madeira.
"Foi unha rodaxe moi esixente", explica Julio Casal, produtor executivo de Punto Nemo, que destaca que esta é unha serie "que se sae do funcionamento habitual" das ficcións que se rodan en España, ao apostar por un xénero, a ciencia ficción, pouco explorado no noso país.
En Punto Nemo, dirixida por Denis Rovira, os membros dunha expedición oceanográfica formada por científicos e a Armada Española, embárcanse nun buque para investigar e concienciar ao mundo dos problemas da illa de plástico localizada no Pacífico Sur.
Unha forte tormenta arrástraos ata unha illa situada nos confíns do planeta. Un lugar antes habitado por militares rusos, que poñerá a proba as súas habilidades e coñecementos para sobrevivir e tentar saír do Punto Nemo, un lugar cheo de misterios e perigos á espreita.
Óscar Jaenada (Awareness), Maxi Iglesias (Valeria), Alba Flores (La casa de papel), Eric Masip (A través de mi ventana), Margarida Corceiro (Morangos com Açúcar) e Najwa Nimri (Sagrada familia) protagonizan a serie, escrita por Daniel Martín Sáez de Parayuelo e Daniel Benmayor.
Completan o elenco Sara Matos (Sangue Oculto), Michelle Calvó (Entrevías), María Isabel Díaz (Vis a Vis), Nüll García (Malegro verte), Miguel de Lira (Matadero), Felipe Pirazán (Tratamos demasiado bien a las mujeres) e Leander Vyvey (Before we die).
A Prime Vídeo, subliña Casal, "apetecíalle facer algo diferente". Recoñece, iso si, que foi "complexo" defender unha serie como esta, que custou uns 8 millóns de euros. "Hai un traballo moi grande de arte e de efectos visuais que nos deu un realismo bestial", engade.
Cada día de gravación "era un reto", sostén o produtor da serie, porque "cando non rodabamos nun barco, había escenas con monstros ou tiñamos que montar un gran laboratorio", obrigando ao equipo para facer esforzos físicos tremendos.
Crear unha atmosfera "opresiva e claustrofóbica" foi unha das obsesións do seu director, segundo el mesmo relata a PontevedraViva, para o que recorreu a "luces baixas e moita escuridade" e, ao mesmo tempo, a cámaras en man "para transmitir unha sensación de inestabilidade".
A rodaxe de Punto Nemo, sinala Rovira, foi "complicada" a nivel técnico porque "cada día tiñamos moitas cousas que rodar" e, ao mesmo tempo, "quería tempo para traballar cos actores os seus personaxes" porque os cambios que experimentan "son moi interesantes".
"É unha serie sobre a supervivencia", detalla o seu director, sobre uns personaxes "que de súpeto se ven illados nun sitio sen poder saír, xerando unha nova orde que hai xente que acata e outros que non", ao chocar os intereses militares cos científicos.
Para este realizador, amante do xénero fantástico e de terror, "foi un plus estar neste terreo e non ter que facer algo que xa se viu mil veces ou partir dunha base máis vista ou máis clásica, traballando con elementos que mesturados poden dar algo fresco".
Punto Nemo, segundo os seus responsables, "é unha serie de ciencia ficción para adultos", porque a pesar de incluír elementos fantásticos "hai moita explicación científica". Os espectadores "teñen que dar un salto de fe", pero atoparanse cunha historia "cunha base realista".
Óscar Jaenada, que interpreta a Máximo, o capitán da expedición, agradece que o guion desta serie chegase ás súas mans nun momento no que "a xente só aposta por fórmulas de éxito moi definidas". Embarcarse en algo "tan arriscado", xa era para el " moi atractivo".
O actor catalán asegura satisfeito que "había moito tempo que non me enfrontaba a un monstro así", non só pola esixencia física e psicolóxica da rodaxe, senón porque na serie "hai moitos xiros, hai moitas historias e realmente pasan moitísimas cousas".
O seu personaxe supuxo para el un "reto mental" porque é un home que "vén dun pasado estraño, non é un capitán da Armada ao uso" e, ao seu xuízo, "non ocupa o lugar que debería" debido a unha condición psicolóxica "que se vai debullando segundo avanzan os capítulos".
Traballar en Punto Nemodeixou a Jaenada "contento pero moi esgotado". Non dubida en sinalar que "me enorgullece moito" participar nela porque "estivemos moitos lugares e fixemos cousas realmente moi espectaculares" que espera que o público saiba apreciar.
A Alba Flores, pola súa banda, o primeiro que lle atraeu da serie é que "me resultaba bastante fresco" que lle propuxesen facer un personaxe que "nada ten que ver con todo o anterior", xa que despois de "tropecientas delincuentes seguidas", a súa Nazareth é doutora en bioloxía.
"Mediteino moito porque me parecía unha aposta moi arriscada", recoñece a actriz, para quen esta rodaxe foi a máis difícil á que se enfrontou na súa carreira porque, ademais de ser fisicamente moi esixente, "hai moitas localizacións e cada terreo é diferente".
Punto Nemo parte dunha premisa que, de entrada, a Flores resultáballe "interesantísima", que militares da Armada e activistas polo clima quedasen atrapados nunha illa remota, "persoas que se perden de verdade e teñen conflitos internos e ideolóxicos moi fortes".
Explica que convivir durante tres meses, case illados como os seus personaxes, "foi un pouco como Supervivientes", unha experiencia que contribuíu a que esta serie lograrse crear un "quebracabezas tan interesante" a partir dunha estética "moi de cómic e de peli de aventuras".
O trío protagonista complétao Maxi Iglesias (Jota), sarxento da Armada e mecánico do barco, quen tiña claro que quería formar parte deste proxecto porque "creo que é algo moi novidoso" e que espera que sirva como "punto de inflexión" para a ficción española.
"Desde que empecei a ver imaxes pensei que isto era algo diferente e que tiñamos a posibilidade de distinguirnos", subliña o actor, para quen os escenarios de Galicia e Portugal nos que se gravou a serie "son o mellor personaxe de todos".
Rodar nun barco varado en alta mar, nun búnker ou nos asfixiantes túneles da batería militar "axudounos a construír os nosos personaxes", destaca Iglesias, que como moitos dos seus compañeiros recibiron instrución militar "para movernos en combate ou coller unha arma".
Alí lograron crear un ambiente inhóspito "que xera unha sensación constante de perigo e a necesidade de saír de alí" que, dalgunha maneira, pode evocar no espectador a series como Perdidos ou The Last of Us, afirma o actor, que encomia tamén un "traballo bestial" de arte, de maquillaxe e de efectos visuais "que eu non vira nunca".
E é que Punto Nemo conta, ao longo dos seus seis episodios, cuns tres mil planos con FX, un sector no en España "hai moito talento que non ten nada que envexar a ningún sitio do mundo", segundo Julio Casal, ademais de "moito prostético e maquillaxe especial".
Abordar, entre outras cousas, a transformación que experimenta un dos personaxes -cuxo nome non revelamos ao ser un momento clave para o desenvolvemento da serie- foi un dos maiores retos desta serie de ficción, que contou cun equipo técnico "grandísimo".
"Todo é unha absoluta pasada. A pouco que fagamos nós todo resulta espectacular", asegura este actor, para o que, do mesmo xeito que os seus compañeiros, estar neste proxecto "foi unha motivación brutal" porque "todos empuxamos moito para que saia adiante".