O público do FICBUEU escollerá a súa curtametraxe neerlandesa favorita do ano

Bueu
13 de xaneiro 2025
Actualizado: 20:36

O sábado 18 de xaneiro chega a Bueu o Premio Internacional do Público á Mellor Curtametraxe holandesa

Público no FICBUEU
Público no FICBUEU / FICBUEU

O vindeiro sábado 18 de xaneiro ás 21:00 horas o FICBUEU acollerá a proxección de seis pezas audiovisuais que optan ao Premio Internacional do Público do festival Shortcutz Amsterdam. Será no Centro Social do Mar de Bueu.

Shortcutz Amsterdam é unha das principais plataformas dos Países Baixos para o talento emerxente do cinema neerlandés, que brinda oportunidades de exhibición, conectando unha audiencia nacional e internacional e facilitando as relacións entre profesionais da industria. 

Cada ano, e en colaboración con outras institucións e festivais de todo o mundo, o Shortcutz Amsterdam convida ao público internacional a escoller a súa curtametraxe neerlandesa favorita do ano.

As persoas interesadas poden asistir ás proxeccións que se levarán a cabo por vilas de todo o mundo.

A organización do festival proporcionará á audiencia papeletas para participar na votación global que escollerá a mellor curtametraxe.

A película gañadora darase a coñecer na cerimonia de entrega de premios do 12º Shortcutz Amsterdam o 19 de xaneiro. 

Os filmes que conforman a sesión son: Let me in, de Aramis García González; Behind the reflection, de Jelle Tigchelaar; Il fait beau, de Leonardo Cariglino; Lunatic, de Robin Noorda; Magma, de Luca Meisters e Tide, de Roxanne Stam.