O pro[xecto]_pro[tocolos], iniciado pola Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (AMUPo) en colaboración coa Sociedade Obarrio Montenegro, abre un novo apartado na páxina web da entidade cultural polo seu décimo aniversario.
Así, a través dun sinxelo formulario de busca póñense a disposición os datos das escrituras notariais que se custodian en diversos arquivos públicos.
Inicialmente xa están en acceso aberto as 361 escrituras outorgadas polo notario de Pontevedra, Valentín García Escudero, no ano 1861 e a elas seguirán incorporándose datos procedentes doutras datas e demarcacións territoriais.
En palabras de Ernesto Vázquez-Rey, presidente da AMUPo e director do proxecto, "pretendemos poñer a disposición do público xeral unha ambiciosa ferramenta que sirva tanto a fins de investigación como particulares".
A idea é que "calquera persoa poda realizar buscas por nomes, apelidos, denominacións sociais, topónimos, etc. para consultar datos que lle poidan servir no día a día das súas xestións, así como servir a numerosas investigacións".
Os protocolos notariais supoñen un recurso fundamental na investigación e permiten documentar infinidade de procesos históricos e ás persoas protagonistas en cada momento.
Na provincia de Pontevedra a institución que custodia este fondo documental é o Arquivo Histórico Provincial, como receptor dos protocolos notariais da provincia ao cumpriren os cen anos.
O índice de escrituras de 1861 de Valentín García Escudero, ao que xa se pode acceder NESTE ENLACE, foi obxecto dunha publicación por Obarrio Montenegro Editora en 2024, baixo a autoría do propio Vázquez-Rey.