Tras a inauguración do venres, o Pazo da Cultura acollía este sábado numerosas actividades dentro da programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.
Numeroso público infantil achegábase ás instalacións para participar no taller audiovisual Cantarte con Leucoiña Pasea e Bea Mazaira, participaban nos talleres tecnolóxicos de Artellando Vídeoxogos; actividades de arte e ilustración; actuacións de contacontos como a de Os contos de Candelaria con Cris de Caldas e Xabi do Camiño; actividades gastronómicas; talleres de fotografía e ilustración; sesións de contos e música para bebés 'Kenka un Kenko' ou sesións de contos familiares con Marcos Divos e Maria Zarate. Nesta xornada non puido realizarse o percorrido do Rodalibros do Salón con motivo das inclemencias do tempo.
A xornada tamén está marcada pola representación de 'Fíos', no décimo aniversario da súa estrea. Este espectáculo da compañía pontevedresa Baobab Teatro foi candidato en 2013 aos Premios Max das artes escénicas. Ofrece a historia dunha modista que cose e recibe visitas inesperadas.
ACTIVIDADES PARA O DOMINGO
Ao longo do domingo desenvolverase tamén unha ampla oferta de accións no Pazo da Cultura cunha sesión de contos a cargo de Polo Correo do Vento e Antón Ke sobre Maruja Mallo.
Está prevista un roteiro familiar pola cidade, a cargo de Taller Aberto, un taller de debuxo de cómics; propostas tecnolóxicas para os máis pequenos; o Espazo Matrioska ofrecerá a actividade de pintura dun mural baixo o título 'Pintamos a cidade' e celebrarase unha nova sesión de contos para bebés con Sole Felloza e o seu Cabaliño Hop!.
Ás 12.30 horas chegará a estrea de 'Trinta anos cantando con Migallas', un espectáculo musical da compañía artística pontevedresa que dirixen María Campos e Carlos Yus.
A xornada continuará coa elaboración de macarróns de Bilbao en 'A arte de cociñar' cun taller de poesía e debuxo con Cris Soilán e Leandro Lamas. E xa, ás 19.00 horas, a xornada pecharase coa obra 'Encuentracuentos' de teatro-clown a cargo de Marcel Groos, unha función para público maior de 3 anos e cun prezo de 6 euros a entrada