A Xunta e os promotores dos festivais de música que se desenvolven en Galicia están a dar os primeiros pasos para crear un manual de calidade e boas prácticas que sirva para que os organizadores destes eventos conten cun instrumento que estableza os procesos de produción.
A iniciativa quere que os festivais cumpran cos criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade que promove Fest Galicia. Así o manifestaban este xoves na delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente de Festivais de Galicia, Luís Campos; o representante do Festival Ribeira Sacra, Carlos Montilla e Jordi Lauren, do SonRías Baixas.
A proposta contempla a creación dun documento que poida estar en vigor para 2019 que recolla os elementos fundamentais para crear estes festivais atendendo a cuestións de seguridade, xestión, relacións laborais ou trato adecuado aos artistas.
Con este elemento, que será remitido ás entidades de certificación encargadas de validar o selo de calidade previsto neste proceso, acreditarase aos eventos que cumpran con todos os requisitos que se recollan no manual.
Trátase da primeira iniciativa destas características que se desenvolve no Estado.